A Área Sanitaria de Vigo continúa cos cribados poboacionais a persoas asintomáticas para detectar aquelas positivas que non presentan síntomas clínicos. Neste contexto, nestes días vaise realizar este cribado, mediante a proba PCR, a 1.669  persoas do concello das Neves.

De feito, as persoas seleccionadas xa están  acudindo hoxe a realizarse a proba PCR no Covid-Auto do Meixoeiro, e o farán ata o próximo domingo.

O obxectivo é captar ao maior número de persoas que estean infectadas pero que non presenten clínica, xa que supoñen un gran risco para a saúde pública; ao ter un bo estado de saúde, continúan coa súa vida habitual e, polo tanto, poden ser potenciais contaxiadores e estar contribuíndo á expansión do virus.

Entre 20 e 70 anos de idade

A Área Sanitaria de Vigo oferta participar neste cribado a unha porcentaxe da poboación no rango de idade entre 20 e 70 anos; que non teña realizada unha proba PCR no que vai de ano; e dispoña dun teléfono móbil rexistrado no sistema de avisos “Lembra”, que autoriza ás autoridades sanitarias a enviar notificacións a través de mensaxes SMS.

As persoas seleccionadas son contactadas polo Servizo Galego de Saúde e invitadas a realizarse a proba diagnóstica PCR. A súa participación é completamente voluntaria. Se deciden aceptar, se lles facilita unha cita -con dia e hora- para achegarse ao dispositivo sanitario habilitado, no que se lle tomará unha mostra nasofarínxea para o seu posterior procesamento.