O Concello de As Neves ofrece á súa poboación a posibilidade de participar nas clases de ximnasia saudable para maiores. Este ano ademáis de no centro da vila, as clases tamén impartiranse nas parroquias de San Cibrán de Ribarteme, San Pedro de Batalláns e Setados.

Unha vez rematado o prazo de inscrición, anotáronse 60 persoas, que participarán nesta actividade en grupos,respectando o espazo de  separación, garantindo o cumprimento do ‘Protocolo COVID’.

Os grupos estarán formados por 10 veciñas e veciños en San Cibrán; 15 en San Pedro de Batalláns; 16 en Setados e 19 participantes nas Neves.

Os horarios repártense desta forma: Martes 19:15 a 20:15h: As Neves; Xoves 18h a 19h: San Cibrán; Venres 18h a 19h: San Pedro, e de 19:30 a 20:30h: Setados.

A actividade física

A concelleira de Servizos Socialis, Pilar González Casas, lembra os beneficios do exercicio e da actividade física, “ben coñecidos por todos, porén toman unha importancia máis grande cando falamos da poboación maior de 65 anos”.

Segundo a OMS (Organización Mundial da Saúde), a actividade física en maiores axuda a: mellorar o funcionamento dos sistemas cardio-respiratorio e muscular, prevé a aparición de enfermidades cardiovasculares, diabetes de tipo 2; mellora a saúde ósea e funcional, impedindo as caídas; axuda á conservación das funcións cognitivas e reduce o risco de depresión.


Funcionamento das clases

As clases terán en conta as individualidades de cada participante, axustando cada exercicio e ritmo segundo as particularidades de cada un/ unha. As sesións dividiranse en varios bloques de exercicios onde se traballarán de maneira global todas as capacidades físicas (forza, velocidade, resistencia e flexibilidade), ademais da habilidade e da axilidade, cun descanso entre cada bloque para poder beber e sentarse.


Durante as clases usarase diferente material como balón, pesas (botellas de area) ou picas (pau da escoba), que será individual e intransferible por razóns de hixiene.

Protocolo COVID-19

Comparado a outros anos , a dinámica das sesións vese modificada polos protocolos a seguir: o uso de máscara será obrigatorio en todas as clases, así como a limpeza de mans, e o distanciamento social de 1,5 metros.