A Concelleira de Ensino das Neves, Pilar González Casas, entrevistouse co xefe Territorial de Educación, César Pérez Ares, para revisar os distintas temas pendentes en relación cos estudantes e os centros de ensino da vila.

Traballos rematados polo Concello

A Concelleira lembra que dende o Concello acometéronse distintos traballos de mellora nos centros educativos , coma o de substitución e reposición da totalidade do chan dos campos de deporte do CEIP da Marquesa do Pazo da Mercé “que estaban moi deteriorados”; rematáronse as obras na Escola Unitaria de Rubiós, eliminando os problemas de humidade do edificio, ademais de colocar illamento térmicos nas aulas, un novo lavabo e o cambio do chan. “Os traballos abrangueron o cambio de radiadores, a montaxe de fiestras dobres, conservando as xanelas de madeira e fixando unhas novas metálicas corredoiras e un novo illamento e falso teito na aula principal”, sinala Pilar González.

Na Escola de Taboexa cambiouse o acceso e a entrada dos baños; fixeronse melloras no patio e colocouse un novo valado de madeira para protección e delimitación da zona de xogos infantís.

Obras que debe acometer a Xunta de Galicia

Como sinalou na xuntanza a concelleira ao delegado de Educación, están pendentes a substitución das persianas do CEIP da Marquesa do Pazo da Mercé, “que son as mesmas que tiña hai máis de catro décadas, cando se inaugurara o centro”, do que o actual alcalde foi un dos primeiros alumnos, o mesmo que as fiestras, que non se cambiaron nunca. Nesta liña, e segundo acordaran o Concello e Educación hai algo menos dun ano, é necesario acometer o pintado integral exterior do edificio que presenta un estado envellecido e descoidado.

A concelleira tamén  lle lembrou ao delegado a urxencia de ampliar os horarios de atención do/a orientador/a das Escolas de Educación Infantil (EEI) de Taboexa e Rubiós, “logo do aumento de nenas en nenos matriculados”, dado que ata hoxe o orientador so vai un día de cada 15.