O Goberno local das Neves quere amosar o seu desacordo total coa decisión da dirección da oficina de Abanca de non abrir ao público de luns a venres e seguir atendendo ás veciñas e veciños que son clientes desta entidade só dous días á semana.
De xeito reiterado, dende o inicio do ‘Estado de Alarma’, o propio alcalde contactou cos responsábeis de Abanca para que se modificaran os días de apertura, facéndoos coincidir cos días de mercado e insistindo tamén para que a apertura se estendese aos 5 días da semana.
A dirección da oficina non amosou disposición algunha de modificar a situación actual, algo que o Goberno local considera inxustificado, considerando que hai outra entidade financeira nas Neves que si abre os cinco días da semana e, ademais, un menosprezo ás veciñas e veciños e un agravio con respecto a outros concellos nos que Abanca si atende nas súas oficinas de luns a venres.
Dende o Concello lémbrase que estamos diante dun servizo moi necesario, aínda máis atendendo á tipoloxía da poboación das Neves, o que non fai factible remitir aos seus clientes á ‘banca electrónica’ ou ao caixeiro automático.
Aglomeracións e demoras de máis dunha hora
Cada un dos dous días nas que abre a oficina- martes e venres-prodúcense aglomeracións e colas, que fan que sexa moito máis difícil cumprir coas medidas sanitarias e que causan que calquera xestión tarde máis dunha hora, algo que non se produciría se a sucursal abrise os cinco días laborais da semana.
Por todo isto, o Goberno municipal insta aos responsábeis de Abanca a adaptar as instalacións da oficina das Neves para que cumpran coas medidas hixiénico sanitarias establecidas e a abrir ao público de luns a venres no seu horario habitual.