A Deputación de Pontevedra vén de aprobar o convenio co Concello das Neves para o financiamento da mellora da mobilidade peonil na intersección da EP-4006 Ponteareas-As Neves, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 11+960 e 12+080, nas que se investirán 142.070€. A Deputación aportará o 70% deste presuposto (99.449€) e o Concello das Neves o 30% restante (42.621).

A actuación, que dá continuidade á senda peonil executada hai dous anos para a seguranza da veciñanza desde o núcleo do Rabelo e a conexión co colexio e centro da vila, está encamiñada ao acondicionamento da estrada EP-4006 ao longo duns 120 metros, na contorna da rotonda que comunica coa EP-4202, a fin de mellorar a funcionalidade da vía e a súa seguridade.

O proxecto busca darlle prioridade ó tráfico peonil, incrementando o espazo ocupado polas beirarrúas, e mellorar a seguridade viaria mediante unha reordenación dos accesos á rotonda e ó aparcadoiro do autobús. A rotonda contará cun diámetro interior de 6 metros, dous carrís de 4 metros cada un e beiravía exterior de 0,50 metros.

O proxecto tamén contempla a reposición dos servizos de recollida de augas pluviais e do alumeado público, co emprego de luminarias LED con columnas de aceiro galvanizado nas beirarrúas e 4 proxectores LED sobre báculo de aceiro galvanizado na rotonda. Ademais, empregarase un alumeado ornamental no interior da rotonda composto por 3 luminarias.

Doutra banda, ao longo das beirarrúas distribuiranse 9 árbores e 4 bancos de pedra granítica e tamén se procederá á instalación dunha nova marquesiña. As actuacións completaranse coa sinalización completa, horizontal e vertical.