O mércores día 13 realizarase unha charla informativa ás 18.30 horas no composteiro comunitario situado diante da Casa da Xuventude
O mestres e mestras composteiros do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra porán en marcha neste mes de marzo tres centros de compostaxe comunitaria no centro urbano do Concello das Neves. O obxectivo é mudar o modelo de xestión de lixo de toda a veciñanza tanto no núcleo da vila coma no rural, e que todos os biorresiduos se composten en lugar de depositalos nos colectores verdes.
Haberá unha reunión informativa para a posta en marcha de cada un dos centros de compostaxe comunitaria. A primeira será este mércores día 13 ás 18.30 horas no composteiro situado diante da Casa da Xuventude. Alí as catro mestras e mestres composteiros que traballan no Concello, xunto co técnico de residuos, explicaran á veciñanza todo o que precisen sobre compostaxe, aclarando as dúbidas que poidan xurdir sobre o funcionamento do centro comunitario e o proceso que pasa o lixo orgánico para converterse en compost. O persoal técnico anima aos veciños e veciñas da zona a achegarse e incluso a levar os seus restos de comida e vexetais para así coñecer de primeira man todo o que precisen saber, co fin de eliminar mitos sobre posibles problemas.
As seguintes postas en marcha de composteiros comunitarios serán o xoves 21 de marzo ás 18.30 horas nas inmediacións do centro de compostaxe da rúa Marquesa do Pazo, e o mércores 27 –á mesma hora- no composteiro situado no aparcadoiro anexo ao cemiterio. Paralelamente a estas charlas colectivas, o persoal técnico da Deputación realizará información porta a porta sobre compostaxe entre a veciñanza destas zonas co fin de concienciar da necesidade de compostar os residuos.
En total, no centro urbano das Neves instaláronse cinco centros de compostaxe comunitaria para xestionar en proximidade toda a materia orgánica. Nestes momentos hai funcionando un centro na rúa da Esperanza no que están a depositar os seus biorresiduos 80 familias da vila. Tamén hai un composteiro comunitario para o colexio Marquesa do Pazo da Mercé, así como nas unitarias de Taboexa e Rubiós, na gardería, no Instituto e na EFA.
Ademais dos centros de compostaxe comunitaria para xestionar os biorresiduos da zona con edificación máis densa no municipio está prevista tamén a distribución de 1.300 composteiros individuais, dos que nestes momentos xa se levan entregados preto de 750 por todas as parroquias do concello xunto, para o que tamén se fixeron as correspondentes visitas de seguimento. Lévanse dous anos co reparto dos composteiros individuais e a instalación dos cinco centros de compostaxe comunitaria, o Concello das Neves será un dos primeiros da provincia (xunto con Vilaboa, Mondariz, Mondariz Balneario, O Grove e Pontevedra) e de todo o estado que compostará todos os seus biorresiduos. Deste xeito cumprirá coa normativa da Unión Europea que obriga a que os concellos recollan de xeito separado o 100% do lixo orgánico e o traten de xeito específico en 2020.
Hai que lembrar que o Concello das Neves recibiu da Deputación unha subvención de 197.597,39 euros para desenvolver o Plan Revitaliza (o 87,06% do orzamento solicitado para mercar composteiros individuais, colectivos e materiais complementarios), ademais dun investimento de 92.430 euros para o convenio coa asociación ecoloxista Adega, co fin de prestar apoio á veciñanza na compostaxe individual e facer seguimento dos composteiros para garantir a calidade do compost que se produce.
A Deputación de Pontevedra leva dende o inicio de mandato a traballar no Plan Revitaliza co fin de promover a compostaxe de proximidade tanto por unha cuestión ambiental como porque se trata dun sistema de xestión de residuos máis económico que o actual, xa que se aforra o custe da recollida de máis do 50% da bolsa do lixo –que é a parte orgánica- ao tratarse in situ nos composteiros, o seu transporte ata a planta de incineración, e tamén no propio tratamento.