O Goberno local das Neves lembra que as accións aprobadas no seu día para facerlle fronte ás perdas ocasionadas polos lumes de outubro de 2017, seguen a beneficiar ás veciñas e veciños.

Para facilitar que os afectados puidesen rehabilitar as súas propiedades, o Pleno do Concello, a proposta do Goberno local, acordou, coma subliña o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, “unha redución do 95% no imposto de construcións”.

Ademais, estableceu unha bonificación no seu grao máximo-o 95%- para as obras de reparación, rehabilitación e reconstrución, ou nova construción, sempre que veña imposta por imperativo legal, das edificacións xa existentes no termo municipal, que foran afectadas polo lume.

“Esta bonificación ten efectos retroactivos para tódalas solicitudes de licenza ou comunicacións previas efectuadas dende o 15 de outubro de 2017”, e estendeu os seus efectos a tódalas solicitudes de licenza ou comunicacións previas efectuadas para esta finalidade, ata o 31 de decembro de 2018.

Estas medidas supuxeron, subliña o alcalde, que “dende os lumes e ata finais do ano pasado as veciñas e veciños das Neves tivesen unha rebaixa de impostos de 62.612,43€”.