O alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, o concelleiro de Acción Social, Cultura e Turismo de Monçao, Joao Oliveira, a concelleira de Cultura das Neves, Rocío Barreiro, e o presidente da Cooperativa do Requeixo das Neves, Alejandro Martínez, presentaron este sábado na Escola Profesional do Alto Miño Interior (EPRAMI), en Monçao, la XXIX Feira do Requeixo e do Mel que se celebrará nas Neves os vindeiros días 10 e 11 de abril.

As actividades do programa deste ano empezarán xa domingo 15 de marzo, coma explicou Rocío Barreiro, coa ‘IX Ruta BTT O Requeixo’, organizada pola ACD Sanomedio -dende as 08:30h.

O xoves, 2 de abril -ás 15:00h -será o día do III Concurso de Receitas con Requeixo das Neves, no Obradoiro da EFA A Cancela; o día 3, dende as 11:00h. celébrase o ‘Requeixo Miúdo’, actividade educativa con requeixo e mel, no CEIP Marquesa do pazo da Mercé e o día 4, ás 10:00h. a disputa do Campionato de Badminton II TTR As Neves Vila do Requeixo e Mel, no Pavillón Municipal. Ás 19:30h., na Casa da Xuventude, apertura da Exposición Fotográfica do GDR Condado-Paradanta, ‘Visións do Territorio’, que estará aberta ata o día 19.

O martes, día 7, dende as 17:00 h., no Centro Social, Xornada técnica sobre ‘O requeixo como produto galego con indicativo de calidade’, impartida por técnicos da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, e cata comentada por técnicos de Taste-Lab. O mércores, día 8, ás 20:00 h., no Auditorio Municipal, actuación da Banda Xuvenil da Banda de Música Municipal de Rubiós.

Días de feira venres e sábado santos

Os actos do primeiro día da Feira do Requeixo comezarán o Venres santo, día 10 de abril, ás 11:00 h. coa apertura da Feira; seguida da Recepción na Casa do Concello; ás 12:00h., o Pregón Gastronómico, a cargo do Chef Iñaki Bretal, integrante do Grupo Nove, do Restaurante O Eirado de Leña, galardoado cun Sol Repsol no ano 2020.

De seguida entrega de premios do III Concurso de Receitas con Requeixo das Neves. Ás 12:30h. Animación musical a cargo de Cé Orquestra; ás 16:30h. Radio Bulebule, actuación infantil a cargo de Paco Nogueiras e ás 20:30h., na Praza Maior, concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.

O segundo día da feira, o sábado, 11, a apertura será ás 12:00h. que dará paso, ás 13:00h, ao Vermú, amenizado por Os Monifates e ás 18:00h. Blues do País en concerto na Praza Maior.

De xeito permanente, durante os dous días da Feira haberá unha carpa de alimentación, carpa de artesanía e espazo infantil.

O valor do Requeixo e do Mel

No acto de presentación deste sábado, o alcalde das Neves subliñou a importancia de “dar valor ao noso produto e ás persoas que se involucran con él” e resaltou o feito de que o mesmo e quen de incorporar elementos que teñen que ver coa sensibilidade, co sentir da música ou da gastronomía e de motivar emocionalmente”.

Xosé Manuel Rodríguez Méndez agradeceu á acollida e o interese da Cámara Municipal e das veciñas e veciños de Monçao, máis que veciños, irmáns que fixeron posible que a Feira do Requeixo medre e sexa xa unha cita que se internacionaliza e que contribúe á cohesión territorial entre estas dúas beiras do Miño que non é un río que separa senón un camiño que xunta.

Unha unión aínda máis estreita entre As Neves e Monçao.

Pechou o acto oficial de presentación o concelleiro de Acción Social de Monçáo quen asegurou que “hoxe estamos todos na casa” e que amosou o seu orgullo porque o lar desta cita fose a Escola de Monçao que “é unha referencia, no eido gastronómico, dentro e tamén fora da nosa vila”.

Joao Oliveira, asegurou que “quen vai As Neves á Feira do Requeixo e do Mel acaba sendo cliente dos seus produtos”, anunciou que Monçao e As Neves traballan nun proxecto conxunto que vai a estreitar máis a relación entre os dous pobos e concluiu asegurando que “cando un camiña so vai máis rápido, pero quen camiña acompañado chega máis lonxe”.

A presentación deu paso a unha degustación, na zona exterior da Escola, de pratos doces e salgados, elaborados polos chefs Fran Soteliño e Rui Ribeiro, cociñados na mesma escola e maridados con viños de Monçao.