Continúan as obras por valor de 200.000 euros logo das enchentes derivadas do lume.

O Concello das Neves ven de abrir ao tráfico, nesta semana, a estrada que une Santa Olaia de Batalláns coa PO402, estando sen rematar totalmente obra.

Logo dos lumes do 15 de outubro chegaron as chuvias de decembro e os arrastres que deixaron entre outras incidencias o tráfico pechado en 2 estradas no Concello das Neves.

Recupérase a circulación na estrada principal no barrio de Trasdoval cunha obra que consistiu na construcción, nun afluente do río Uma, dun novo paso por debaixo da estrada con muros de contención de importantes dimensións.

Continúan as obras derivadas do lume e das chuvias, co remate definitivo deste paso, outro paso en Trasdoval e no mesmo regato outro tamén no barrio do Pío. A construcción dun novo paso no regato do Covelo na estrada entre Santa Olaia e San Pedro de Batalláns, a construcción dun muro en Caneiro, Taboexa e a reconstrucción do paso en Portela, San Xosé de Ribarteme

O Alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, lembra que As Neves está a investir nestas obras máis de 200.000 euros que son financiados co Plan Concellos da Deputación. A día de hoxe a Xunta de Galicia ainda non asinou ningún convenio co Concello para axudar a reposición dos danos causados polos incendios de outubro do ano pasado, gastos que alomenos superarían os 900.000 euros.