O Concello das Neves abre este luns, 15 de xuño, e ata o vindeiro martes, día 23-os dous días incluidos- o prazo de inscrición nos Campamentos Municipais de Verán.

Os mesmos están destinados a nenas e nenos empadroados nas Neves con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos, cumpridos no momento de inicio do campamento. Os mesmos ofrecen actividades e obradoiros coma alternativa lúdica, deportiva e educativa ás cativas e cativos da vila durante o período estival á vez que se fomentan os valores de igualdade, solidariedade, convivencia e respecto ao medio ambiente e a contorna na que viven.

Estes campamentos supoñen un instrumento que facilita a conciliación familiar da familias das Neves.

Podes descargar aquí toda a documentación:

 

Horario e duración

Os Campamentos están organizados en dúas quendas durante os meses de xullo e agosto, cun máximo de 54 participantes por quenda. A primeira, a ‘Quenda A’, será do 6 aos 28 de xullo e a ‘Quenda B’ do 3 ao 28 de agosto. O horario das actividades será de 09:00 a 14:00h. de luns a venres.

Inscrición

A inscrición para solicitude de praza no Campamento de Verán, realizarase nos Servizos Sociais do Concello de luns a venres.
As solicitudes poderán descargarse na web do Concello ou poderase recoller presencialmente nos Servizos Sociais do Concello tamén se pode presentar por correo electrónico no enderezo servizossociais@asneves.gal.

Preferencia e asignación de prazas

Terán preferencia á hora de adxudicar as prazas disponíbeis nos Campamentos de Verán:
• Persoas empadroadas no Concello das Neves.
• Persoas que xustifiquen a necesidade por motivos laborais.
• Familias con informe xustificativo dos Servizos Sociais das Neves.
• Familias monoparentais.
• Aquelas familias nas que os ingresos non supere 6,5 veces o Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples (IPREM), cun incremento do 15% para familias monoparentais ou numerosas.

  • Documentación que hai que presentar

• Xustificante dos ingresos da unidade familiar do ano 2020.
• Contrato laboral das persoas que conforman a unidade familiar.
• Declaración xurada do horario de traballo.
• Libro de familia.
• Tarxeta Sanitaria da e do menor.