O Goberno local das Neves decidiu este venres adiar a XXIX edición da Festa do Requeixo e do Mel (prevista para os vindeiros días 10 e 11 de abril) para o 11 de outubro.

A decisión adoptase para conter o avance do contaxio do coronavirus e en consonancia coas medidas aprobadas polas autoridades sanitarias.

Dende o Concello lémbrase que foron cancelados todos os actos, reunións e citas de lecer, deportivas, culturais, sociais e veciñais organizadas no concello dende onte, 12 de marzo, e ata novo aviso. Do mesmo xeito, tampouco haberá actividade ningunha nos centros municipais.

Queda limitado o acceso presencial ás oficinas do Concello e Servizos Sociais  a aqueles trámites administrativos urxentes e/ou
imprescindibles; debendo optarse preferentemente pola xestión a distancia, chamando ao 986 64 80 38 ou accedendo á páxina web www.asneves.gal.

O Concello recomenda a todas as organizacións, asociacións, clubs e entidades que teñan previsto actos deste tipo, que tamén os desconvoquen.

Ademais, aconséllase a toda a poboación que faga só os desprazamentos estritamente necesarios e siga os consellos de hixiene recomendados polas autoridades sanitarias.