O Goberno local das Neves aprobou as axudas municipais a asociacións
culturais, sociais e de actividade comercial, despois da avaliación realizada polas correspondentes comisións avaliadoras.
Actividades Culturais
Para a convocatoria de axudas para a realización de actividades culturais durante o ano 2021, presentáronse un total de oito solicitudes. AC Banda de Música Popular de Rubiós, AC Unitaria de Vide, Asociación de Mulleres Rurais Chan dos Casteliños, a EFAG EFA A Cancela, a Coral Santa
María das Neves, a AC As Neves Group, a AAVV San Cibrán e a ACD Sanomedio.
A Asociación Coral Santa María das Neves e a ACD Sanomedio, non presentaron a documentación requirida, polo que quedaron desistidas por falta de documentación.
Pola súa banda, as propostas das demais asociacións foron avaliadas e puntuadas e, dado que o orzamento total da bolsa, de 16.750 €, foi suficiente para satisfacer o 80% de todas as solicitudes (máximo permitido segundo as bases), adxudícase esta contía a todas as propostas.
Axudas Actividades Sociais
Á convocatoria de axudas para a realización de actividades sociais, presentáronse un total de catro solicitudes. Foron a Asociación Española Contra o Cancro, A Asociación Merenda Creativa, a Asociación Avelaíña e a Fundación Amigos de Galicia.
As propostas foron avaliadas e as contías foron asignadas tendo en conta que o crédito máximo habilitado para esta finalidade é de 5.250€, e que cada Asociación pode optar a un máximo do 80% (cun límite de 3.000 €).
Deste xeito, outorgouse a cantidade máxima á proposta de maior puntuación, presentada pola Fundación Amigos de Galicia, e para as demais, aplicouse unha corrección tendo en conta o número de puntos obtidos despois da valoración realizada pola comisión.
Actividades de promoción e dinamización comercial
Por último, no caso das axudas para a realización de actividades de promoción e dinamización comercial, só se recibiu a proposta presentada pola Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Neves.
Despois de valorar a proposta, tendo en conta que o crédito máximo habilitado para esta finalidade é de 2.500 €, e que cada Asociación pode optar a un máximo do 80%; concédese esta porcentaxe, ao non superar o máximo permitido.