Blog

12 Mar
0

O Concello das Neves cancela tódolos actos programados dende este xoves para axudar a conter o avance do contaxio do Coronavirus

Con motivo da pandemia de Coronavirus, e en consonancia coas medidas aprobadas polas autoridades sanitarias para conter o avance do contaxio, o Concello das Neves decidiu cancelar todos os actos, reunións e citas de lecer, deportivas, culturais, sociais e veciñais organizadas no concello dende hoxe, 12 de marzo e ata novo aviso. Do mesmo xeito, tampouco haberá actividade ningunha nos centros dependentes do Concello.

Prégase acceder de xeito presencial ás oficinas do Concello para facer só aqueles trámites administrativos urxentes e/ou imprescindibles, e optar pola xestión a distancia, chamando ao 986 64 80 38 ou accedendo á páxina web www.asneves.gal.

O Concello recomenda a todas as organizacións, asociacións, clubs e entidades que teñan previsto actos deste tipo, que tamén os desconvoquen.

Ademais, aconséllase a toda a poboación que faga só os desprazamentos estritamente necesarios e siga os consellos de hixiene recomendados polas autoridades sanitarias. 

Ver Bando en PDF

Ler Máis
10 Mar
0

As Neves contará con 7 mesas electorais dende as eleccións do vindeiro 5 de abril

O Pleno do Concello das Neves aprobou este martes a composición dos colexios electorais para as Eleccións do 5 de abril ao Parlamento de Galicia. A partires destas eleccións, serán 7 as mesas coas que contará a vila, en cumprimento da normas legais que establecen o número de mesas en función do censo de votantes.

Deste xeito, votarán en San Xosé ás veciñas e veciños de Cerdeira, San Xosé e Santiago de Ribarteme. En Vide o farán as veciñas e veciños de Vide e San Cibrán de Ribarteme. No CEIP das Neves os residentes das Neves (Estación) e Setados. En Tortoreos os de Tortoreos e Liñares. As veciñas e veciños de Rubiós e Taboexa votarán nas mesas das súas parroquias e votarán en Santa Eulalia de Batalláns as veciñas e veciños de Santa Eulalia e San Pedro de Batalláns.

Dacordo coas normas legais, pechan as mesas electorais de Santiago de Ribarteme, Setados e San Cibrán ao non chegar o número de votantes ao mínimo de 200 persoas.

Para facilitar o desprazamento das veciñas e veciños o Goberno local decidiu acollerse á posibilidade que se establece na
normativa electoral de ofrecer servizos de transporte (autobús ou microbús) entre o lugar de votación e o de residencia do electorado, nas Parroquias de Cerdeira, San Cibrán, San Pedro de Batalláns, Santiago de Ribarteme e Setados.

Nos vindeiros días, cando a Xunta Electoral confirme os horarios solicitados para os autobuses, faranse públicos dende o Concello.

Ler Máis
08 Mar
0

A XXIX Feira do Requeixo e do Mel das Neves presentada nun grande acto na localidade portuguesa de Monçao

O alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, o concelleiro de Acción Social, Cultura e Turismo de Monçao, Joao Oliveira, a concelleira de Cultura das Neves, Rocío Barreiro, e o presidente da Cooperativa do Requeixo das Neves, Alejandro Martínez, presentaron este sábado na Escola Profesional do Alto Miño Interior (EPRAMI), en Monçao, la XXIX Feira do Requeixo e do Mel que se celebrará nas Neves os vindeiros días 10 e 11 de abril.

As actividades do programa deste ano empezarán xa domingo 15 de marzo, coma explicou Rocío Barreiro, coa ‘IX Ruta BTT O Requeixo’, organizada pola ACD Sanomedio -dende as 08:30h.

O xoves, 2 de abril -ás 15:00h -será o día do III Concurso de Receitas con Requeixo das Neves, no Obradoiro da EFA A Cancela; o día 3, dende as 11:00h. celébrase o ‘Requeixo Miúdo’, actividade educativa con requeixo e mel, no CEIP Marquesa do pazo da Mercé e o día 4, ás 10:00h. a disputa do Campionato de Badminton II TTR As Neves Vila do Requeixo e Mel, no Pavillón Municipal. Ás 19:30h., na Casa da Xuventude, apertura da Exposición Fotográfica do GDR Condado-Paradanta, ‘Visións do Territorio’, que estará aberta ata o día 19.

O martes, día 7, dende as 17:00 h., no Centro Social, Xornada técnica sobre ‘O requeixo como produto galego con indicativo de calidade’, impartida por técnicos da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, e cata comentada por técnicos de Taste-Lab. O mércores, día 8, ás 20:00 h., no Auditorio Municipal, actuación da Banda Xuvenil da Banda de Música Municipal de Rubiós.

Días de feira venres e sábado santos

Os actos do primeiro día da Feira do Requeixo comezarán o Venres santo, día 10 de abril, ás 11:00 h. coa apertura da Feira; seguida da Recepción na Casa do Concello; ás 12:00h., o Pregón Gastronómico, a cargo do Chef Iñaki Bretal, integrante do Grupo Nove, do Restaurante O Eirado de Leña, galardoado cun Sol Repsol no ano 2020.

De seguida entrega de premios do III Concurso de Receitas con Requeixo das Neves. Ás 12:30h. Animación musical a cargo de Cé Orquestra; ás 16:30h. Radio Bulebule, actuación infantil a cargo de Paco Nogueiras e ás 20:30h., na Praza Maior, concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.

O segundo día da feira, o sábado, 11, a apertura será ás 12:00h. que dará paso, ás 13:00h, ao Vermú, amenizado por Os Monifates e ás 18:00h. Blues do País en concerto na Praza Maior.

De xeito permanente, durante os dous días da Feira haberá unha carpa de alimentación, carpa de artesanía e espazo infantil.

O valor do Requeixo e do Mel

No acto de presentación deste sábado, o alcalde das Neves subliñou a importancia de “dar valor ao noso produto e ás persoas que se involucran con él” e resaltou o feito de que o mesmo e quen de incorporar elementos que teñen que ver coa sensibilidade, co sentir da música ou da gastronomía e de motivar emocionalmente”.

Xosé Manuel Rodríguez Méndez agradeceu á acollida e o interese da Cámara Municipal e das veciñas e veciños de Monçao, máis que veciños, irmáns que fixeron posible que a Feira do Requeixo medre e sexa xa unha cita que se internacionaliza e que contribúe á cohesión territorial entre estas dúas beiras do Miño que non é un río que separa senón un camiño que xunta.

Unha unión aínda máis estreita entre As Neves e Monçao.

Pechou o acto oficial de presentación o concelleiro de Acción Social de Monçáo quen asegurou que “hoxe estamos todos na casa” e que amosou o seu orgullo porque o lar desta cita fose a Escola de Monçao que “é unha referencia, no eido gastronómico, dentro e tamén fora da nosa vila”.

Joao Oliveira, asegurou que “quen vai As Neves á Feira do Requeixo e do Mel acaba sendo cliente dos seus produtos”, anunciou que Monçao e As Neves traballan nun proxecto conxunto que vai a estreitar máis a relación entre os dous pobos e concluiu asegurando que “cando un camiña so vai máis rápido, pero quen camiña acompañado chega máis lonxe”.

A presentación deu paso a unha degustación, na zona exterior da Escola, de pratos doces e salgados, elaborados polos chefs Fran Soteliño e Rui Ribeiro, cociñados na mesma escola e maridados con viños de Monçao.

Ler Máis
06 Mar
0

O Concello das Neves pon en funcionamento un moderno sistema de control horario

Dende o pasado luns, 2 de marzo, está en funcionamento no Concello das Neves un ‘Sistema de Control Horario’ dos traballadores e traballadoras municipais, que neste momento son 37 persoas e que no verán chegarán alomenos a 53.

O sistema, que rexistra neste momento 13 horarios distintos, coa xornada laboral xeneralizada de 35 horas semanais, permite ‘fichar’ dende o ordenador do traballo, dende unha aplicación móbil, dotada cun localizador GPS, ou nunha ‘tablet’ situada nas instalacións do Mercado Municipal.

Este programa, ademais do devandito control de entrada e saída de cada persoa, posibilita a consulta das solicitudes de días libres, incluídos os do alcalde e os concelleiros; facilita lograr outros dos obxectivos do mesmo: organizar mellor os departamentos municipais; saber si se dispón do número mínimo de profesionais en cada departamento; reformular horarios, labores e ocupacións ou facer a planificación de permisos e vacacións.

Ler Máis
06 Mar
0

As Neves segue coa reforestación dos seus montes coa plantación de 1.800 árbores autóctonas máis

O sábado 14 de marzo, impulsado por ONE OAK, o Concello das Neves, a Comunidade de Montes de Santa Eulalia e Voluntariado As Neves, está programada a plantación de 1.800 árbores autóctonas, entre elas 1.000 castiñeiros, na Parroquia de Santa Eulalia de Batalláns.

Esta actividade, que empezará ás 09:30h. está aberta a cantas persoas queiran sumarse a ela que poden anotarse á mesma entrando neste enlace de Internet – https://forms.gle/JccLFM4dPKbMa8yB9 – ou poñéndose en contacto no seguinte enderezo electrónico: voluntariadoasneves@gmail.com.
 


O proxecto “Renacer das Cinzas”, posto en marcha en 2018 por ONE OAK da man do Concello das Neves, tiña coma obxectivo a plantación nos montes da vila-que foran arrasados polo lume en outono de 2017- de 10.000 árbores, freixos, castiñeiros e  bidueiros, unha iniciativa que xuntou a máis de 200 voluntarios en decembro de 2018 e uns 300 en febreiro de 2019 unidos para lograr a creación de “cortalunes verdes”  que protexan o patrimonio natural das Neves no caso de posíbeis incendios.

Ao rematar o traballo, na Asociación de Veciños Coto do Castro terán esperando un churrasco, ao que quen queira pode anotarse por so 10€ ou, un menú vexetariano para aquelas persoas que o prefiran.

Logo da sobremesa e de compartir experiencias, o Concello ten programada, dentro do ciclo ‘Cine de Inverno’, a proxección do filme ‘O que arde’, dirixida por Oliver Laxe, gañadora do premio do público no Festivas de Cannes e de dous Premios Goya, á Mellor Fotografía e Mellor Actriz Revelación, para a lucense Benedicta Sánchez, será ás 20:00 h. con entrada de balde, no Auditorio Municipal.
 

Ler Máis
06 Mar
0

As Neves presenta este sábado na localidade portuguesa de Monçao a XXIX Feira do Requeixo e Mel

O alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, e a concelleira de Cultura, Rocío Barreiro, serán os encargados da presentación da XXIX Feira do Requeixo e do Mel, este sábado, día 7 de marzo, ás 13:00h. (hora galega), 12:00h. (hora de Portugal), na EPRAMI da vila portuguesa de Monçao -Estrada dos Arcos 4950-438 Monçao-.

A presentación incluirá a degustación de pratos doces e salgados elaborados con requeixo polos chefs Fran Soteliño e Rui Ribeiro, que serán maridados con viños de Monçao

Ler Máis
05 Mar
0

ANUNCIO APROBADOS 2º EXAME PRAZA DE AUXILIAR ADMINISTRATIVO E CONVOCATORIA 3º EXAME

Ler Máis
04 Mar
0

Actividades nas Neves para celebrar o 8 de marzo, día internacional da muller

O Concello das Neves porá en marcha un programa co gallo do 8 de Marzo para celebrar o ‘Día Internacional da Muller’, que coincide con mobilizacións reivindicativas en todo o país para esixir, unha vez máis  o dereito a ser libres, a acabar coas discriminacións, a cobrar o mesmo polo mesmo traballo ou a que haxa máis  recursos para acabar coas violencias que están a atacar e matar a moitas mulleres e que seguen moi presentes na sociedade.

Dentro destes actos, durante a semana que comeza o día 2 nos centros de ensino haberá distintos obradoiros de igualdade.
 
O venres, día 6, ás 12:00h. haberá unha ‘Batucada Feminista’ do alumnado do IES Pazo da Mercé, na Praza de San Agustín.

Ás 18:30h, na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal, inauguración dunha exposición de pintura de ADICAM (Asociación de Diagnosticad@s con Cancro de Mama de Pontevedra), acompañada pola actuación das Pandereteiras Saía de Lá, de Vide.

As obras son arredor de 30 cadros, todos doazóns de colaboradores, co mesmo denominador común: a empatía con ADICAM e a exaltación da imaxe da muller. A exposición estará aberta ata o 25 de marzo.

Sábado, día 7, ás 19:00 h, na Casa da Música, Concerto de Mulleres da Banda de Música Popular de Rubiós.
 
O luns día 9, ás 16:30h, no IES Pazo da Mercé, proxección de ‘Visións’, do programa da Deputación de Pontevedra ‘Cinema e Muller’.
 
 

Ler Máis
28 Feb
0

A romaría de Santa Marta xa é Festa de Interese Turístico de Galicia

O alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, amosouse “agradecido e satisfeito” ao recoller este venres, por parte do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e da directora xeral de Turismo, Nava Castro, na Cidade da Cultura, en Compostela, a distinción de ‘Festa de Interese Turístico de Galicia’ para a Romaría de Santa Marta de Ribarteme”.

Rodríguez Méndez salientou a importancia do “recoñecemento que se lle fai a un feito que dende o punto de vista social ven ocorrendo de maneira permanente durante centos de anos e, ademais, facilitará que fagamos mellor as cousas e que contemos con máis apoio para elo”.

Para o alcalde o feito de que As Neves conte xa con dúas ‘Festas de Interese Turístico”- a da ‘Romaría de Santa Marta’ e a do ‘Requeixo e do Mel’, supón que “os nevenses estamos a facer ben as cousas e que somos quen de ir concitando a admiración e o interese de todas as administracións para permitir que o noso territorio medre e consiga unha maior proxección internacional”.
 

Ler Máis
28 Feb
0

Rematadas varias obras de asfaltado, limpeza, melloras e conservación de estradas, camiños e pistas en distintos barrios das Neves

A Concellería de Obras, que dirixe o primeiro tenente de alcalde das Neves, Marcelino Couto, vén de rematar varios traballos en diferentes barrios e parroquias da vila, consistentes en asfaltado, melloras, limpeza e conservación de vías, camiños e pistas e colocación de tapas no saneamento.

En conxunto, estes traballos contaron cun orzamento de 123.471€, dos cales máis da metade foi con cargo ao superávit municipal do ano anterior.

Máis polo miúdo, completáronse os  alcatranados no interior dos barrios de Vilanova, en Tortoreos, e Couto, en Rubiós, completando, ademais, a limpeza viaria das marxes e o asfaltado de “dous treitos, de ao redor de 700 metros de lonxitude que estaban en mal estado e que non se renovaran dende a súa apertura”, sinala Couto. O custe total, incluído proxecto e impostos,  foi de 33.811,42.

Tamén están finalizados os traballos de mellora nos accesos a Barrela, na parroquia de Setados, na Estación e A Porqueira, en As Neves, e no barrio de Casal, na parroquia de Vide

“Na Porqueira asfaltouse por primeira vez un camiño que da acceso ata a catro casas e así evítanse as grandes dificultades que provocaban as fochancas e charcos de auga nos momentos de chuvia”, sinala o tenente de alcalde. En Vide mellorouse o acceso a varias vivendas mediante a utilización de formigón. O custo final de todas estas obras foi de 29.913,98€.

A Concellería de Vías e Obras tamén concluíu o asfaltado de camiños na Chan, na parroquia de Tortoreos, e en Filgueira, na de Rubiós: os traballos consistiron no “re-asfaltado completo no barrio de Filgueira e varios tramos, que estaban moi estragados, na Chan”.

Ademais, tamén se realzaron as tapas de saneamento e augas, ademais do pintado das liñas que delimitan os bordes para maior seguridade.

O custe total dos traballos, proxecto e impostos foi de 59.746,50€ e a financiación foi conxunta: Concello e, nunha parte maior, por medio do Plan Marco da Consellería de Medio Rural.
 
Neste momento están en marcha as obras de mellora nos accesos a Empiade na parroquia de Cerdeira que concluirán en breve.
 
 
 

Ler Máis