A alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, e o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez asinaron, acompañados polos concelleiros de Medio Ambiente dos dous concellos, Rubén González Coto, e Óscar González, un convenio que regula a cesión gratuita, por parte das Neves, dunha máquina trituradora de refugallos de poda e reciclaxe de refugos vexetais.

O mesmo convenio contempla, tamén a cesión do uso dun vehículo de recollida de lixo, durante o período en que se atope avariado algún dos vehículos dos que dispón o Concello de Salceda.

O alcalde das Neves lembrou que a colaboración entre os dous concellos comezara no anterior mandato, “que queda renovado agora”. Xose Manuel Rodríguez salientou a importancia de acordos coma este que “serven para que os traballos institucionais teñan como principais beneficiarios as persoas que viven no noso territorio”. Rodríguez apostou polo “uso intelixente dos recursos cos que conta o concello das Neves para que sirvan as veciñas e veciños de Salceda, e os que ten Salceda para beneficiar aos cidadáns das Neves”.



A alcaldesa de Salceda de Caselas amosouse “moi satisfeita” de que “sexa posible seguir estreitando lazos de colaboración tan necesarios” e de que “consigamos avanzar na optimización de recursos”. Loli Castiñeira apuntou que o primeiro dos convenios de cooperación entre Salceda e As Neves foi o do servizo de Atención Tempera, que atende a nenas e nenos de 0 a 6 anos dos dous concellos e que foi renovado este mesmo ano, co obxectivo de seguir dando resposta ás necesidades destas nenas e nenas con problemas de desenrolo.

Castiñeira engadiu que, se antes era Salceda quen prestaba o seu camión de lixo ás Neves, “agora somos os que nos beneficamos deste camión e desta trituradora” que, rematou, “nos axudará a cumprir os obxectivos de coidado do medio ambiente dentro do Plan Revitaliza, da Axenta 2030 e do Pacto dos Alcaldes e Alcaldesas para o Clima e a Enerxía (PACES)”.