A Praza de Abastos acolle unha actividade que busca ofrecer á veciñanza e aos visitantes, os produtos que fan das Neves un lugar de excelencia gastronómica
A Praza de Abastos das neves acollerá, o sábado 23 e o domingo 24 de decembro, o ‘Mercado de Nadal’, unha iniciativa que busca poñer ao alcance de veciñanza e visitantes, tanto produtos de artesanía coma aqueles que, como o viño o requeixo e o mel, constitúen un elemento identificador da excelencia gastronómica do municipio.
No ‘Mercado de Nadal’, que estará aberto ámbolos dous días, en horario ininterrompido de 12 h a 19 horas, participarán as adegas Señorío de Rubiós e Abadía de Tortoreos amais da cooperativa do Requeixo e o Mel.
O público visitante terá a ocasión de gozar da excelente gastronomía local xa que o mercado contará coa presenza de postos dos locais de hostalaría e tamén postos de artesanía.
A intención do Concello das Neves, coa posta en marcha deste ‘Mercado de Nadal’ é a posta en valor dos produtos que fan, do municipio, un referente gastronómico do sur da provincia. Non se pode esquecer que, se o requeixo, o mel e os viños, son elementos identificadores da excelencia gastronómica do municipio, os locais de hostalería amosa, ano tras ano nunha magnífica ‘ruta de pinchos’ a capacidade innovadora da gastronomía local e a calidade da materia prima local.
Para o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, o ‘Mercado de Nadal’ é unha ocasión extraordinaria para que “veciñanza e visitantes poidan coñecer a ampla oferta gastronómica das Neves”.