O Concello das Neves quere condenar, con toda contundencia, a agresión machista sufrida por unha das nosas veciñas e amosar a nosa dor e o noso rexeitamento de todos os casos de violencia de xénero que desfán vidas e familias, como estamos a ver cada día.
Desgraciadamente, o despiadado asasinato de dúas nenas hai uns días non foi o único: no que vai de ano, son xa 19 as vítimas destes criminais en todo o Estado español- a metade delas no último mes– e 1.097 mortes dende 2003. Hoxe mesmo, o Poder Xudicial informaba de que o número de mulleres vítimas de violencia machista en Galicia aumentou un 18% no último ano.
Rematar con este terrorismo é responsabilidade de cada un e cada unha de nós: a ‘tolerancia cero’ con calquera tipo de violencia, o rexeitamento das persoas que a exercen, encobren e xustifican e a denuncia para que os agresores acaben diante da xustiza, é traballo de todos. Calar, agochar, ocultar e mirar para outro lado é, sen maís, ser cómplice dos criminais e dos seus crimes e o xeito de deixar sen amparo ás vítimas.
Por todo isto, a Corporación das Neves, convoca este martes, día 15, a todas as veciñas e veciños, profesionais e integrantes dos centros educativos da nosa vila a unha concentración diante do Concello ás 12:00 h.