A concelleira de Servizos Sociais, Pilar González, asistiu de xeito
telemático á Asemblea Xeral da asociación de Concellos e Deputacións, Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

India, Nicaragua, El Salvador, Guatemala, Mozambique

Na sesión decidiuse que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co-financiará cun total de 99.813 euros catro proxectos de ONGD galegas na India, Nicaragua, El Salvador e Guatemala; despois de resolver a convocatoria de axudas, á que se presentaron doce propostas centradas
en dez países.

No encontro virtual, que se celebrou coincidindo co Día Mundial da Saúde, tamén se fixo balance dun 2020 marcado pola pandemia e aprobouse por unanimidade o Plan de Actividades para este ano.

Na xuntanza déuselle luz verde ao Plan de Actividades e ao orzamento para 2021, que contempla proxectos de cooperación directa en Mozambique e Guinea-Bissau e mais unha reserva de fondos para axuda humanitaria.

‘People & Planet’

A área de sensibilización inclúe, así mesmo, as actividades do proxecto europeo ‘People & Planet’, no que o Fondo Galego participa canda entidades doutros oito países para concienciar á mocidade sobre as graves consecuencias do cambio climático, ademais de reforzar aos gobernos locais na promoción da sustentabilidade ambiental.

Consello Climático Xuvenil

Co fin de acadar estes obxectivos, os municipios acollerán diferentes actividades. Dentro dese proxecto europeo, o Concello das Neves poñerá en marcha o Consello Climático Xuvenil a partir de maio deste ano. Unha actividade que promove a implicación directa da  mocidade nos problemas ambientais do concello e na súa resolución.

O consello estará integrado por mozas e mozos de entre 15 e 34 anos que asesorarán ao goberno local nesta materia.

Finalmente, representantes dos concellos incluídos no proxecto participarán despois nun campamento de mocidade europea en Portugal para elaborar unha guía ao respecto.