A entidade financeira destina 20.000 euros a este proxecto, que chegará a 13 parroquias
O alcalde das Neves, Xosé Rodríguez Méndez, e o xefe de zona de CaixaBank, Igor das Heras, asinaron onte o convenio de colaboración polo cal a Obra Social “La Caixa” colabora, con 20.000 euros, nun proxecto de Atención Sociocomunitaria para a dinamización de persoas maiores que viven soas no rural, e que sufriron, nalgúns casos, a perda de pertenzas no incendio de outubro.
Segundo explicou o alcalde das Neves, é un proxecto que chegará ás 13 parroquias do municipio, e cuxo programa de intervencións ultima o departamento de servizos sociais.
Trátase de programar actividades que poidan sosterse no tempo, mesmo cando xa non exista financiamento para as mesmas, e que incida na interrelación entre persoas maiores que non estean acompañados. “Serán actividades de dinamización que buscan unir ás persoas, cuxa situación de soidade, adquire maior desolación tras o gran incendio de outubro”, explica o alcalde.
O Concello realizou un censo de persoas en situación de vulnerabilidade por vivir soas e ser maiores “e vimos a conveniencia de que é necesario que se volvan a crear vínculos entre elas”, sinalou o rexedor.
Este proxecto de Atención Sociocomunitaria é, sobre todo, unha resposta para os efectos psico-sociais provocados pola vaga de incendios do mes de outubro e encaixa nas liñas de actuación da Obra Social “La Caixa”, tal e como explicou Igor das Heras. O xefe de zona lembrou que a entidade se comprometeu en outubro a axudar aos concellos máis devastados polos lumes e incidiu no compromiso social e na proximidade co territorio.
Tralos incendios, As Neves procurou articular desde o primeiro momento unha resposta sociocomunitaria que se enfrontase eficazmente ás consecuencias dos lumes. Á vez que os propios servizos sociais, xogou un papel determinante a organización de grupos de voluntariado que progresivamente foron asumindo tarefas de primeira necesidade (información, abastecemento de auga potable e repartición de alimentos para animais, entre outros). “A súa actuación foi igualmente determinante no apoio emocional das persoas máis afectadas, aproveitando as visitas de distribución de auga para acompañar e compartir a dor de xente que sufriu a perda das súas pertenzas”, explicou o alcalde.
O novo programa é unha continuidade ás tarefas de emerxencia realizadas nos primeiros momentos. O rexedor das Neves, Rodríguez Méndez, agradeceu o importante apoio da Obra Social “A Caixa” para poder desenvolver esta iniciativa.