Os Concellos de Salceda de Caselas e As Neves veñen de asinar a renovación do convenio de xestión conxunta do gabinete de atención temperá para atención á poboación infantil de 0 a 6 anos, co obxectivo de seguir a dar resposta ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social. 
 
O Alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, e a Concelleira de Ensino e Servizos Sociais, Pilar González, visitaron as instalacións onde se desenvolven o servizo de atención temperá nas Neves, acompañados pola alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, e a Concelleira de Benestar Social, Gela Ledo.
 
 
Catro profesionais
 
O gabinete do servizo conta cun equipo especializado formado por catro integrantes dos campos da psicoloxía, logopedia e fisioterapia, e atende dous días á semana nas Neves e tres en Salceda.
 
O servizo está financiado nun 90% pola Consellería de Política Social, a través do Fondo Social Europeo, que concedeu unha partida de 105.383,70 € para 2020. 
 
 
Contacto cos centros educativos e con Pedriatría do Centro de Saúde
 
Neste último ano ofreceuse o servizo a un total de 81 nenos e nenas entre os dous Concellos, derivados dende os servizos de pediatría. Aínda así, lembran que calquera familia pode achegarse a pedir información.
 
O gabinete traballa en contacto constante cos equipos de orientación dos diferentes centros escolares, así como coas pediatras dos centros de saúde, garantindo así a cobertura á maior cantidade de nenos e nenas posible, e analizando as diferentes necesidades de cada quen dende os diferentes sectores.
 
O novo convenio de colaboración asínase para garantir a continuinade dun servizo de grande importancia, como poñen de manifesto tanto o alcalde das Neves como a alcaldesa de Salceda. Conscientes do privilexio que supón contar con un programa coma este, que ofrece un servizo de proximidade, de calidade, gratuíto, e que contribúe  a consolidar o asentamento da poboación no rural.