Este sábado, día 5, o Concello das Neves estreou en primicia, para comerciantes, empresas e colectivos, un documental sobre o comercio local que se mantivo aberto durante o período de confinamento vivido nos pasados meses.
O documental, titulado ‘O comercio que nos coida’, realizado por Daniel Pérez , trata de valorizar e facer visible a importancia do traballo das e dos comerciantes nun momento coma o vivido nas primeiras semanas despois de decretarse o ‘Estado de Alarma’, semanas nas que o comercio local xogou un papel fundamental, como apuntou o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez.
O acto, conducido pola Concelleira de Cultura, Rocío Barreiro, tivo lugar ás 21:00 h na Praza Maior, e contou coa presenza de máis de 100 comerciantes e empresarios e empresarias das Neves.
Programa de formación dirixido ao comercio local
Durante o mesmo, o Concello tamén presentou un programa de formación dirixido ao comercio local que se levará a cabo no que resta de ano, e que ten o obxectivo de promover a súa transformación estratéxica e dixital, con formación, asesoramento e apoio no novo escenario POST-COVID.
Este programa de formación, que será en liña, vai desenvolverse en dúas fases: unha primeira de seis sesións impartidas durante o mes de setembro, e unha segunda con titorías individuais os tres meses seguintes.
A inscrición pode facerse, ata o vindeiro mércores, día 9, a través do enlace: https://bit.ly/3h1ZtJB.
Para pechar a noite, a Banda de Música Popular de Rubiós, ofreceu un pequeno concerto, coa interpretación de seis pezas. Trátase da súa primeira actuación dende que fora decretado o ‘Estado de Alarma’.
Cumprindo coas medidas sanitarias e de protección, o lugar onde se desenvolveu o acto, estivo delimitado, e as cadeiras previamente asignadas, estaban distribuídas mantendo a distancia de seguridade. Ademais, era obrigatorio o uso de máscara e a desinfección das mans con xel hidroalcohólico á entrada no espazo.