A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, vén de conceder un novo obradoiro de emprego ‘Coidar de Nos IV,’ aos concellos de Ponteareas e As Neves –conxuntamente–, ao abeiro da convocatoria 2021/2022.
O mesmo, como os anteriores, estará centrado na atención sociosanitaria de persoas dependentes no domicilio e en actuacións forestais que se realizarán no parque da Picaraña de Ponteareas e na Chan de Vide, en As Neves, e contará cun orzamento total de 374.000€.
A nova quenda de obradoiros, que comezará agora co seu proceso de selección para iniciar as actividades formativas no vindeiro mes de outubro, contará con 20 de participantes.
Todas e todos beneficiaranse dunha formación específica durante os próximos nove meses, realizando ademais traballos e servizos de interese xeral e público a prol da sociedade incluídos en cada proxecto por parte dos concellos promotores, e ademais poderán optar a prácticas en empresas da contorna ao remate do obradoiro.
Na presentación do mesmo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, subliñou, “damos cumprida resposta ao que pide a cidadanía agora que temos a vacinación tan avanzada e que a quinta onda da covid-19 vai quedando atrás. Ofertamos un programa de formación moderno, dual, orientado a persoas sen traballo para mellorar a súa empregabilidade, posibilidades de futuro e inserción laboral, que ademais van recibir unha remuneración durante nove meses e que contribuirán ao beneficio de todas e todos con obras públicas e atencións sociais”.