Un investimento de máis de 85.000 euros da Deputación de Pontevedra permitiu mellorar infraestruturas municipais das que gozan os veciñas e veciños das parroquias de Setados, Vide e Tortoreos.
As obras foron supervisadas hoxe polo deputado de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Marcelino Couto, o segundo tenente de alcalde, Óscar González, a e a deputada de Cohesión Social, Olga García Ballesteros.
Actuacións en Setados, Tortoreos e Vide
As actuacións permitiron a pavimentación dos camiños de A Igrexa, na parroquia de Setados e A Carrasqueira na parroquia de Vide. Estas dúas actuacións foron licitadas por importe duns 36.500€. A maiores fíxose unha actuación de pavimentación e tamén de saneamento ao lugar de Reguengo na parroquia de Tortoreos, cun investimento doutros 49.000€.
Plan Concellos
Santos Héctor recalcou a importancia que teñen este tipo de obras para mellorar o estado dos camiños no rural da provincia de Pontevedra. “Son actuacións que veñen a demostrar a flexibilidade do Plan Concellos, que se adapta perfectamente a tódalas necesidades e que aquí se traduciron nunha maior calidade para a mobilidade da veciñanza no rural”. “Sabemos que As Neves crece e incorpora poboación e para que poida seguir combatendo o despoboamento hai que facer máis actuacións como estas”.
Obras esenciais para as Neves
O alcalde salientou que hai “un antes e un despois” dende o cambio no Goberno na Deputación no ano 2015. “Agora hai un caudal de diñeiro que é esencial para As Neves; sen o Plan Concellos estariamos limitados e gracias a el somos libres; así que moitas gracias por participar no desenvolvemento de As Neves”.
O alcalde puxo en valor o traballo do tenente de alcalde, Marcelino Couto, “de xeito silencioso”, para ir resolvendo os problemas nas vías públicas. Ao respecto da pavimentación e o saneamento en O Reguengo, subliñou que trátase dunha obra con “valor simbólico, pois era unha obra postergada durante anos e un compromiso, o igual que as outras obras en Setados e Vide”.
A Igrexa en Setados
O camiño de A Igrexa, en Setados, conta cunha lonxitude de 180 metros e un ancho medio de 4 metros, que quedou perfectamente pavimentado. As máquinas tamén acondicionaron un ramal de 75 metros.
Carrasqueira en Vide
Pola súa banda o camiño na Carrasqueira con Vide, conta cunha lonxitude de 230 metros e un ancho medio de 3,6 metros. Para as obras realizouse unha limpeza e preparación da superficie, corte e fresado das áreas máis deterioradas do anterior firme e aplicación dunha nova capa de rodadura con base de 1 centímetro e outros 5 centímetros de aglomerado en quente, garantindo así a duración da mellora. Finalmente, pintáronse os bordes.
O Reguengo en Tortoreos
No lugar de O Reguengo pavimentouse o camiño, de 250 metros de lonxitude e ancho de 4,2 metros, así como un ramal de 30 metros de longo. A maiores dotouse á zona dun colector principal de saneamento de 225 metros e outro secundario de 30 metros ata a conexión coas acometidas das vivendas. Foi necesario executar un muro para conter un noiro inestable no último tramo.
6,5 millóns dende o ano 2015
O investimento total da Deputación de Pontevedra en As Neves, desde o ano 2015, supera os 6,5 millóns de euros. Este ano, no marco do Plan Concellos recibe 557.000 euros.
Dende o ano 2015 As Neves foi quen de executar 52 obras con cargo ao Plan Concellos que, en gran parte, serviron para mellorar os servizos no rural.
A maiores, obtivo financiamento para a mellora da rúa de Rosalía de Castro (328.000 euros do plan DepoRemse) e para a ampliación do centro cultural de Rubiós (399.000€ do Plan de Reequilibrio).
O Concello puido contratar tamén a 86 persoas desempregadas para desempeñar traballos temporais en servizos municipais con cargo ao Plan Concellos. Este mesmo ano acolle a 10 traballadores/as.