from to
Cultura Mocidade Novidades
As Neves Map

A exposición achégase as parroquias
Comprobe os días no final do artigo
Recíbese o legado do fotógrafo local Alejandro Alonso Estévez
 
O Concello das Neves vén de iniciar un ambicioso proxecto de recuperación da memoria local, logo de recibir o legado do fotógrafo Alejandro Alonso Estévez composto por máis de 3.000 negativos, en 35 mm, que recolle imaxes de habitantes do concello e da contorna dende os anos 60 do pasado século XX.
A maior parte dos negativos corresponden a fotografías de carné de centos de veciños e veciñas, aínda que tamén se inclúen numerosas fotos de estudo e de distintas celebracións e lugares do Concello das Neves.
A doazón deste arquivo gráfico, realizada por Manuel Tiago Seoane, foi aceptada de inmediato polo Concello das Neves, adquirindo o compromiso non só da súa conservación, senón tamén da súa difusión.
Identificación das fotografías
Para conseguir unha difusión axeitada deste legado, o primeiro paso será o proceso de identificación das fotografías “para o que é imprescindible a colaboración veciñal”, aseguran dende o Concello.
Así, dende o luns, 11 de setembro, o Concello habilita unha sala no baixo do Centro Social de luns a venres de 11 a 13 horas, para que veciñas e veciños, poidan ver as fotografías que xa están dixitalizadas, e aportar datos sobre as persoas que aparecen nas distintas fotos ou en que lugar foron tomadas.
Amais de conseguir a correcta datación de todo o arquivo, a identificación permitirá obter o permiso das persoas que aparecen, “de tal xeito que as fotografías poidan ser utilizadas en exposición e actos de difusión da memoria gráfica local das Neves respectando, de xeito escrupuloso, a Ley de Protección de Datos”.
Dar a coñecer o pasado aos máis novos
Unha vez recibido o legado de Alejandro Alonso Estévez, Fotografo, Barbeiro e “practicante”, o Concello das Neves solicitou unha subvención á Dirección Xeral de Xuventude grazas á que, o arquivo, será exposto publicamente nos formatos que os máis novos decidan. Pantallas instaladas na Casa da Xuventude de 18 a 20 horas permitirán que, mozas e mozospoidan examinar as fotos polo miúdo e poidan, se así o desexan, ofrecer as súas propias propostas artísticas sobre as fotografías.
Ditas propostas, que terán que ser presentadas antes do 7 de outubro, poderán incluir formatos como o graffiti, collage, mural, cartaze, tarxetas ou calquera proposta artística que mestura varios destes formatos. Os traballos seleccionados por unha comisión que se constituirá expresamente para este certame, serán expostos nunha mostra que terá lugar no mes de outubro.
Vocación de continuidade
Este será o primeiro ano no que o concello leve adiante unha labor de difusión do arquivo do fotógrafo Alejandro Alonso Estévez, “pero non será o último” sinala o Executivo local, xa que a iniciativa nace “cunha clara vocación de continuidade”.
A idea é que As Neves, “un concello que ten a sorte de contar no seu patrimonio histórico con grandes cineastas como José Gil e fotógrafos como Alejandro Alonso Estévez, entre outros, chegue a ser identificada como una vila na que a fotografía sempre estivo presente”, explica o alcalde Xosé Manuel Rodríguez Méndez.
Esta iniciativa, será a primeira e marcará o punto de partida “para a celebración anual dun evento relacionado coa fotografía e a memoria gráfica local”. Trátase, conclúe o rexedor local, “de continuar coa liña marcada de colocar As Neves no mapa e convertelo non só nun referente enolóxico e gastronómico, senón tamén cultural”.
A exposición das fotografias nas parroquias