Nun acto á beira do río o deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, acompañado das alcaldesas de Tomiño, Sandra González; do Rosal, Ánxela Fernández; e de Salvaterra Marta Valcárcel; e os alcaldes de As Neves Xosé Manuel Rodríguez; de Tui, Enrique Cabaleiro; e de A Guarda Antonio Lomba, presentou este xoves as actividades ecoturísticas ‘Vive o Rio Minho’ que a Deputación de Pontevedra está a realizar para potenciar o territorio transfronteirizo do río Miño baixo o lema ‘Dous países, un destino’.
As actividades -desenvolvidas dentro do proxecto Visit Rio Minho, co-financiado con fondos FEDER, a través do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020’-son gratuítas, están dirixidas a tódolos públicos e desenvolveranse entre esta fin de semana e a primeira de outubro nos concellos galegos e portugueses que lindan coa vía fluvial.
Haberá sendeirismo, rutas en bici, rutas urbanas e percorridos históricos, visitas a adegas, museos, petróglifos, balsismo, caiac, gastronomía, e observación ornitolóxica e astronómica, entre outras actividades.
O deputado Benítez destacou que estas propostas pretenden achegar visitantes ao río Miño entendéndoo como un único territorio, “co obxectivo de construír un destino turístico no que se se ofertan dous países”. Segundo dixo, o programa de actividades ten unha oferta diversa que amosa todos os atractivos e riqueza paisaxística, natural, cultural e gastronómica, “para dar a coñecer ao mundo un lugar estratexicamente situado”.
As Neves
Segundo explicou o xerente da empresa Xeitura -que desenvolverá a iniciativa-, Raúl Fernández, as propostas para coñecer o Miño divídense en diferentes xornadas de días completos nas fins de semana consecutivas de entre o 12 de setembro e o 4 de outubro.
Para esta primeira fin de semana haberá dúas actividades: Unha ruta de sendeirismo nas marxes do Miño e do río Deva ata o alto da Moura e unha visita a Melgaço e, por outra parte, un descenso no río Miño (Arbo) xunto a unha visita guiada a unha adega en As Neves e a visita aos petróglifos da Coutada.
As inscricións completáronse en apenas un día e a lista de agarda chegou ás cen persoas.
19 e 20 de setembro
Na fin de semana do 19 e 20 de setembro terán lugar a terceira e a cuarta ruta. A terceira consiste nun percorrido circular pola contorna de Salvaterra, así como a visita á viña e ao Museo do Viño. Ao día seguinte a proposta é unha ruta polo municipio de Monçao coñecida como ‘A Cova da Moura’, unha vista ao palacio da Brejoeira e unha visita a Monçao.
26 e 27 de setembro
A seguinte xornada, do 26 de setembro, inclúe un percorrido en bici pola ecovía do Miño entre Valença e Vila Nova de Cerveira, e unha visita guiada por Valença e Tui. O domingo 27 de setembro realizarase unha ruta de sendeirismo entre a desembocadura do Tamuxe e o porto de Goián, a visita á fortaleza, e un tramo en caiac polo río.
3 e 4 de outubro
Finalmente, para o 3 e 4 de outubro plantéxase unha fin de semana completa na que se combinarán as rutas de sendeirismo, a observación ornitolóxica, visitas guiadas, e unha visita dramatizada no castro de Santa Tegra. (Máis información ver adxunto)
As inscricións para os eventos realizaranse entre o luns anterior ás 9 horas e ata o xoves ás 23 horas no caso de non cubrir as prazas con anterioridade (entre 45 e 50 por evento) na páxina web da Deputación www.depo.gal.