A Deputación de Pontevedra, o Concello das Neves e a asociación ecoloxista Adega asinaron un convenio para repartir 1.300 compostadores neste municipio e cambiar o seu modelo de xestión de lixo co obxectivo de compostar todos os biorresiduos da poboación a principios de 2019.

O acordo foi asinado este luns polo vicepresidente da institución provincial, César Mosquera; o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez; e a presidenta de Adega, Virxinia Rodríguez.

O convenio permitirá nos próximos meses realizar 26 charlas de formación sobre compostaxe e a repartición de 1.300 compostadores entre as familias da localidade que dispoñen de casa con horta. Así, búscase que pasen a compostar os seus residuos orgánicos en lugar de depositalos nos contedores verdes.

Con esta iniciativa, este municipio pontevedrés será un dos primeiros do Estado que compostará todos os seus biorresiduos e cumprirá coa normativa da Unión Europea, que obriga a que os concellos recollan de maneira separada o 100% do lixo orgánico e trátena de forma específica en 2020. “Estou convencido de que seremos un espello para o país”, afirmou.

DETALLES DO ACORDO

En concreto, pola realización das charlas de formación e o seguimento individualizado Adega recibirá 92.430 euros, unha cifra que se suma á axuda económica de 197.597,39 euros concedida pola Deputación ao Concello das Neves para desenvolver o Plan Revitaliza.

Na súa intervención, o vicepresidente César Mosquera destacou que para garantir os obxectivos do Plan Revitaliza “debe haber sincronización” entre a Deputación, os concellos e o movemento ecoloxista, “xa que non hai outro camiño para implicar á poboación”. “Nós sempre traballaremos da man con esta liña”, engadiu a presidenta de Adega.

“Temos sentadas as bases para facer algo que dificilmente vai fallar”, manifestou o vicepresidente provincial, que expresou o desexo do goberno provincial de “que a compostaxe funcione con garantías e que sexa irreversible”.