O Goberno municipal das Neves segue adiante coa posta en marcha do convenio asinado coa Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos (SEAGA) para a limpeza das franxas de protección nos núcleos das parroquias de Liñares, Tortoreos e As Neves.
Durante o final do mes de xullo o Concello enviou cartas informativas aos propietarios da parcelas afectadas e a pasada semana realizáronse reunións nas tres parroquias as que acudiron preto de 300 persoas.
Os propietarios das parcelas na franxa de 50 metros arredor das zonas edificadas ou edificables, teñen o deber de limpar as mesmas de maleza e de especies arbóreas prohibidas, como a acacia, o piñeiro e o eucalipto e, dacordo co convenio, SEAGA realizaría ese traballo de roce a un “prezo moi reducido”, sinala o segundo tenente de alcalde, Óscar González.
Para facelo posible, os propietarios interesados asinarían un contrato de 3 anos con SEAGA que, dende ese momento, faríase responsable do mantemento da parcela.
Algúns propietarios xa asinaron os contratos nas reunións mantidas os días pasados e aqueles que non o fixeron aínda, sinala Óscar González, “poden facelo en calquera momento co contrato que recibiron nas cartas e entregando o mesmo no Concello”.
Para resolver dúbidas particulares sobre temas como as parcelas afectadas, posibles erros de catastro ou calquera outra, estableceuse unha atención personalizada co persoal de SEAGA a través de cita previa, que se pode solicitar chamando ao teléfono do Concello (986648038).
Tamén é posible consultar os mapas das parcelas afectadas na entrada do propio Concello ou premendo aquí :
*O número que aparece sobre cada parcela nos mapas norte e sur serve para poder identificar con Seaga a parcela no caso de que non se dispoña da referencia catastral.