Propietarios forestais franceses vistaron a zona afectada pola praga do piñeiro e puideron visitar a zona dos petroglifos recen adecentada e sinalizada

O Concello das Neves levou a cabo a limpeza e sinalización dalgún do seu patrimonio histórico grazas a unha subvención da área de patrimonio da Deputación de Pontevedra.

Procedeuse a limpeza dos petróglifos de Coto Ribado e da Cabreira en Taboexa e Ponte da Senra en Santiago de Ribarteme. Nestes lugares o Concello, ademais da limpeza da zona, efectuou a sinalización mediante paneis informativos destes elementos históricos que, según Oscar González, Concelleiro de Benestar e responsable de Patrimonio, “debemos de protexer, cuidar e trasmitir o seu valor as xeracións futuras; ademais de ser lugares cun potencial atractivo turístico”.

Na zona de Taboexa, propietarios forestais franceses, técnicos da Asociación Forestal de Galicia e da Escola de Lourizán visitaron a zona afectada pola praga do piñeiro para coñecer a experiencia negativa desta praga e ao mesmo tempo desfrutaron do patrimonio rupestre.

Nas vindeiras semanas o Concello das Neves comezará a sinalización dos barrios e parroquias, cumplindo así cunha demanda da veciñanza de todo o territorio municipal.