Realizaronse traballos nos equipamentos deportivos de maior uso

Nos últimos días o Concello das Neves sustituíu o alumeado do pavillón municipal e mellorou o céspede artificial do campo de fútbol municipal Pepe Capón con aportación de caucho.

No pavillón municipal as obras consistiron na sustitución e instalación de 24 novos proxectores ou focos de luz led de 141W protexidos con proteccións antigolpeos, que melloran a calidade da iluminación e van conseguir un importante aforro enerxético e a seguir económico. Este pavillón é sobre todo usado polo Clube Badmintón As Neves que conta con xogadoras como Lucía Rodríguez que compite a nivel internacional e tamén polo Fútbol Sala As Neves que compite en categoría autonómica sur.

En canto ao campo de fútbol municipal, Pepe Capón, sede do Neves FC e da Escola de Fútbol, o Concello adquiriu 3600 quilos de caucho que foi estendido coa colaboración da Deputación de Pontevedra. E xunto a isto tamén se están facendo pequenos traballos de albañilería.

Oscar González, Concelleiro de Deportes, indica que esta labor específica de mantemento é precisa para conseguir minimizar riscos de lesións e alongar a vida do céspede ata que se poida renovar. Cuestión que non debe demorar moito tempo, xa que este ten 12 anos e sufriu moito co lume do ano 2017.