O alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, acompañado de Perfecto Rodríguez, xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Pilar González Casas, concelleira de Educación, o xefe da obra, arquitecto e técnicos, visitou a nova Escola de Educación Infantil, xa rematada.

O novo centro, ao que acudirán 20 nenas e nenos,  está situado a carón do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé. Dispón de 490 metros cadrados, máis de 161 deles construídos, con dúas aulas de usos múltiples, almacén, zona de descanso, despacho, zona de hixiene, cociña e baños.



No exterior conta con espazo para xogos, hortas, un xardín e a acceso para as familias, tal e como acordaran no seu día o Goberno municipal, a comunidade escolar, e a Asociación de Nais e Pais da Alumas e Alumnos (ANPA), a través do  Consello Escolar Municipal.
O orzamento total das obras foi duns 300.000€.



Unha prioridade do Goberno das Neves

Esta nova Escola Infantil, é unha das prioridades do Goberno municipal e da resposta a unha demanda moi reiterada e agardada polas veciñas e veciños das Neves.



Acordo Xunta-Concello

A mesma é unha realidade logo do  convenio asinado co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Dito convenio establecía que o Concello das Neves tiña que realizar e pagar o proxecto da escola infantil, como así se fixo;  poñer a dispor un solar municipal, que é no que estaba a antiga casa do conserxe do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé e, por último, achegar o 25% do custo total das obras, 75.000€ en total, con cargo aos orzamentos municipais.



O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, achegou o 75% do custo total dos traballos, 225.000€, ademais da compra e colocación do mobiliario e a limpeza e desinfección do nova Escola.



Empeza o traslado

No mes de xullo, unha vez colocado o mobiliario e rematados os últimos ‘retoques’, está previsto realizar o traslado dende o local que ocupaba ata hoxe a Escola Infantil ata o novo.



O espazo que deixa baleiro a antiga escola, pegado ao Centro de Saúde, servirá para a ampliación do mesmo, tal e como acordaron o Concello e o Servizo Galego de Saúde (Sergas), e que xa foi visitado polo xerente da Área Sanitaria de Vigo. O mesmo estará destinado a unha nova consulta de Pediatría.



A nova escola necesitará unha ampliación case inmediata

Xosé Manuel Rodríguez transmitiu a Perfecto Rodríguez que solicitará “de inmediato” a ampliación da nova Escola Infantil que, finalmente, non poderá acoller a todas as pequenas e pequenos que solicitaron praza na mesma. O alcalde sinalou ao xerente do Consorcio de Servizos de Igualdade que 17 nenas e nenos non obtiveron praza. A ampliación, tal e como comentaron, consistiría na construción dun novo ‘módulo’ para o cal, como estaba previsto, hai espazo libre.