O IES Pazo da Mercé, vén de confirmar a concesión dun novo de ciclo de Formación Profesional para o vindeiro curso 2020-2021. Trátase do Ciclo superior de Desenvolvemento de aplicacións web, con 30 prazas dispoñibles. É un ciclo con elevada demanda e que só se imparte noutros seis centros en toda Galicia.


O mesmo fóra solicitado o curso pasado, co obxectivo de completar e ampliar a formación ofertada no ámbito dan novas tecnoloxías, xa que no Centro xa se imparten outros dous ciclos desta familia: Ciclo de grao Básico de Informática de oficina (18 prazas) e ciclo de Grao Medio de Sistemas microinformáticos e redes (30 prazas).



EFA A Cancela

Tamén a EFA A Cancela aumenta a oferta de ciclos formativos a partir do vindeiro curso. Neste caso, son o ciclo de Grao Medio de Coidados auxiliares de enfermaría (20 prazas) e o ciclo de Grao Superior de Educación Infantil (30 prazas). Con estas novas incorporacións, o centro oferta xa 120 prazas en ciclos de Grao Medio e Superior de diferentes ámbitos.

Novos sistemas de calefacción

Ademais diso, a xerencia territorial de ensino vén de anunciar que este verán instalará un novo sistema de calefacción no CEIP Marquesa do Pazo da Mercé e no IES Pazo da Mercé das Neves. A instalación actual do IES atópase totalmente obsoleta e dende o Centro levan anos reclamando a súa mellora.

Por outro lado, dende a Concellería de Ensino das Neves, lémbrase que este curso o Concello realizou reparacións na caldeira do CEIP, e agora mesmo unha actuación nesas instalacións non sería prioritaria, sobre todo, tendo en conta que levan anos solicitando a substitución das ventás actuais.

Ambos Centros amosaron o seu malestar pola falla de comunicación por parte da Consellería de Educación da Xunta, que non os informou oficialmente das novas obras e recibiron estes datos a través da concelleira de Ensino, Pilar González Casas, quen, á súa vez, soubo estas novas a través da prensa.