O pasado ano 2020, o Concello asinou o convenio con Seaga para a xestión da biomasa das parcelas situadas nas faixas de protección dos núcleos de poboación das parroquias de Liñares,Tortoreos e As Neves; faixas que afectan até 50 metros arredor das zonas urbanas, urbanizables ou de núcleo rural ou arredor de vivendas ou instalación illadas.



As parcelas incluídas suman un total de 135 hectáreas, das cales 45 están en uso ou ben xestionadas habitualmente. Das restantes 90 hectáreas, non xestionadas polos seus propietarios ou propietarias, ata agora a veciñanza ten contratados, coa empresa, os servizos de limpeza para unhas 20 hectáreas aproximadamente.



Actualmente xa se está a traballar en 90 parcelas e arredor de 2.5 hectáreas. Os traballos están sendo supervisados polo Concelleiro de Medio Ambiente, Óscar González, que está a visitar as parcelas sobre as que se está actuando con brigadas e un pequeno tractor, para comprobar que as labores se están a desenvolver correctamente e sen danar peches ou lindes de propiedades.