Nuns días estará rematada a colocación do mobiliario e o traslado do material á nova Escola Infantil das Neves. A mesma foi entregada a finais do pasado mes de xuño e comezará as súas clases o vindeiro mes de setembro.

O novo centro, ao que acudirán 20 nenas e nenos,  está situado a carón do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé. Dispón de 490 metros cadrados, máis de 161 deles construídos, con dúas aulas de usos múltiples, almacén, zona de descanso, despacho, zona de hixiene, cociña e baños.

No exterior conta con espazo para xogos, hortas, un xardín e a acceso para as familias, tal e como acordaran no seu día o Goberno municipal, a comunidade escolar, e a Asociación de Nais e Pais da Alumas e Alumnos (ANPA), a través do  Consello Escolar Municipal. O orzamento total das obras foi duns 300.000€.



Unha prioridade do Goberno das Neves

Esta nova Escola Infantil, é unha das prioridades do Goberno municipal e da resposta a unha demanda moi reiterada e agardada polas veciñas e veciños das Neves.



Acordo Xunta-Concello

A mesma é unha realidade logo do  convenio asinado co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar
Dito convenio establecía que o Concello das Neves tiña que realizar e pagar o proxecto da escola infantil, como así se fixo;  poñer a dispor un solar municipal, que é no que estaba a antiga casa do conserxe do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé e, por último, achegar o 25% do custo total das obras, 75.000€ en total, con cargo aos orzamentos municipais.

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, achegou o 75% do custo total dos traballos, 225.000€, ademais da compra e colocación do mobiliario e a limpeza e desinfección do nova Escola.