Consciente das tendencias de consumo actuais, cada vez máis dixitais, e da aceleración desta tendencia coa chegada da COVID-19, dende o Goberno Local desenvolveuse un programa formativo para o comercio local, co obxectivo de promover a súa transformación estratéxica e dixital, con formación, asesoramento e apoio no novo escenario POST-COVID.
O pasado venres 11, tivo lugar unha presentación previa na que as persoas participantes puideron ter un primeiro contacto co equipo que as formará, así como resolver dúbidas e coñecer de xeito pormenorizado o programa de formación que comeza hoxe luns 14, e que se desenvolverá de aquí a final de ano.
Dúas fases
O programa de formación en liña consta de dúas fases. Na Fase I, haberá seis sesións de 60-120 min nas que se falará sobre as tendencias de consumo actuais, e se traballará arredor do uso de Google My Business, WhatsApp Business, e Facebook e Instagram profesional, ademais do uso da venda online e de ferramentas para triunfar nas redes.
Na fase II, as e os participantes que o desexen, contarán co apoio dunha persoa experta para reorientar o seu negocio, potenciar as súas fortalezas e buscar solucións para as súas debilidades.
12 establecementos
Participan un total de 12 establecementos comerciais que poderán asistir ás sesións en directo e que tamén poderán acceder a elas noutro horario compatible coa súa actividade económica.
Debido ás diferenzas de horarios comerciais, ademais de ter as conferencias dispoñibles uns días despois da súa realización en directo, as persoas participantes terán contacto permanente co equipo de monitores para resolver dúbidas e ampliar coñecementos sobre calquera un dos temas tratados.