A semana pasada comezaron as actividades do proxecto de intervención socio-educativa para o fomento da igualdade entre o alumnado dos centros educativos das Neves promovido polo Concello.

Contacontos e obradoiros

O alumnado de 2º ciclo de Educación Infantil do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé e das escolas unitarias de Rubiós e Taboexa está a gozar de contacontos e obradoiros nos que se traballa arredor do tema “Na casa tod@s iguais”.

“As novas masculinidades”

No IES Pazo da Mercé, desenvólvense varias sesións destinadas ao alumnado de 3º da ESO arredor do tema das “novas masculinidades”. Nestas actuacións cóntase co apoio dun grupo de representantes do Comando de Igualdade e Diversidade existente no centro, así como da profesora de Educación Plástica, Visual e Audiovisual.

A través desta iniciativa preténdese que o alumnado, especialmente os rapaces, inicien un proceso de reflexión que sirva de xermolo de cambio persoal cara a posicións e formas de ser e actuar máis igualitarias. O obxectivo é que sexan quen de recoñecer que o patriarcado, como orixe dunha sociedade marcada polas inxustizas e a desigualdade, sitúa aos homes nunha situación de vantaxe polo mero feito de selo, polo que adoptando unha nova masculinidade deben estar dispostos a perder privilexios para gañar en igualdade, dende o convencemento de que co cambio eles tamén gañarán.