Logo das disposicións aprobadas pola Xunta en relación coa extensión da COVID-19, nas que se declara o ‘nivel de alerta 2’ en todo o territorio galego, o Concello das Neves adoptou as seguintes medidas:

Actividades non xestionadas polo Concello desenvoltas nos locais de titularidade municipal

Actividades de lecer de tipo socio-cultural (clases de baile, ximnasia, ensaios de música, etc.): Son accións con contacto físico ou nas que é preciso retirar a máscara, polo que NON se permitirán, nin en grupo de 5 persoas. Agás aquelas previamente programadas entre os días 22 e 25, que se poderán desenvolver extremando as medidas de seguridade. A partir do luns 26 de outubro, a restrición será de obrigado cumprimento.

Deporte non federado: Só se permitirá a práctica de deporte non federado de xeito individual (ou en grupos de 5 persoas) e ao aire libre. En ningún caso se permite practicar deporte non federado en grupo ou no interior de calquera instalación municipal.

• Deporte federado: Só se permitirá a práctica de deporte federado en interior, de xeito individual. No exterior, aplicaranse as medidas recollidas na orde do DOG 212 bis, do 21/10/2020 (https://bit.ly/3kg2ZlQ).

Locais destinados a servizos de cantina ou similar: Non se permite o servizo en barra. O aforo no interior será do 50% e na terraza do 75%.

En todos os casos permitidos, é de aplicación obrigatorio un protocolo de seguridade fronte á Covid-19: Uso de máscara (agás na práctica de deporte, nos casos permitidos), distancia de seguridade, hixiene de mans e limpeza e desinfección das instalacións.

Estas medidas foron comunicadas a todas as persoas e colectivos afectados tras tomarse as decisións, o xoves 22 de outubro.

Locais xestionados polo Concello

• A Casa da Xuventude continúa aberta nas tardes de venres a domingo, ofrecendo o servizo de atención á mocidade. O aforo total é de 20 persoas, non podendo formarse grupo de máis de 5 persoas.

• A Biblioteca continúa aberta nas tardes de martes a xoves, ofrecendo o servizo de sala de estudo. O aforo total é de 10 persoas, non podendo formarse grupo de máis de 5 persoas.

• O Auditorio Municipal reduce o seu aforo ata as 53 prazas, quedando nun 21% e cos asentos habilitados mantendo a distancia de seguridade. Só se empregará para as actividades permitidas e baixo as medidas de seguridade establecidas.

Nos tres casos existe un protocolo de seguridade fronte á Covid-19, que inclúe medidas de limpeza e desinfección, uso obrigatorio de máscara e distancia interpersoal de seguridade.