Obrigatoriedade do uso de máscaras no territorio galego
A partir deste domingo, 19 de xullo de 2020, entra en vigor unha nova norma relativa ao uso de máscara nos espazos públicos ou de uso público aprobada pola Consellería de Sanidade (RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2020).
 
a) Obriga xeral.
Para as persoas de 6 ou máis anos de idade será obrigatorio o uso da máscara en todo momento, tanto en espazos ao aire libre como en espazos pechados de uso público ou que se encontren abertos ao
público, aínda que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros.
 
Tamén será obrigatorio o uso de máscara, para as persoas de 6 ou máis anos, nos medios de transporte aéreo, marítimo, en autobús ou por ferrocarril, así como nos transportes públicos e privados complementarios de viaxeiros en vehículos de ata nove prazas, incluído o condutor.
 
b) Regras específicas.
1. Na realización de adestramentos e na celebración de competicións dentro da actividade deportiva federada de competencia autonómica, aplicarase, respecto ao uso da máscara, o recollido especificamente no protocolo das federacións deportivas respectivas.
 
2. No caso de colectivos artísticos que desenvolvan actos e espectáculos culturais, produción erodaxe de obras audiovisuais, aplicaranse as medidas previstas na RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2020 (DOG Núm. 115 do Sábado, 13 de xuño de 2020).
 
3. No caso dos coros e agrupacións vocais de canto, das orquestras, bandas e outras agrupacións musicais, da celebración de congresos, encontros, reunións de negocio, conferencias, eventos e actos similares e da actividade formativa en conservatorios, escolas de música e danza,
observarase o indicado especificamente nas medidas recollidas na RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2020 (DOG Núm. 115 do Sábado, 13 de xuño de 2020).
 
4. Nos centros docentes observarase, respecto ao uso da máscara, o recollido especificamente no correspondente protocolo.
 
c) Condicións de uso da máscara.
A máscara debe cubrir desde o nariz ata o queixo, incluído e non deberá conter válvula para exhalar, agás nos usos profesionais para os cales este tipo de máscara poida estar recomendada.
 
d) Excepcións á obriga de uso da máscara.
1. En persoas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitar a máscara; ou ben presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización.
 
2. Nos vehículos cando todas as persoas ocupantes convivan no mesmo domicilio.
 
3. Nas praias e piscinas, durante o baño e mentres se permaneza nun espazo determinado, sen desprazarse, e sempre que se poida garantir o respecto da distancia de seguridade (1,5 m) entre persoas non conviventes. En calquera caso, será obrigatorio o uso de máscara para os accesos, desprazamentos e paseos nas praias e piscinas.
 
4. Nos establecementos de hostalaría e restauración, por parte dos clientes do establecemento exclusivamente no momento específico do consumo.
 
5. No interior dos cuartos de establecementos de aloxamento turístico e outros espazos similares, cando unicamente se atopen neles persoas que se aloxen no cuarto.
 
6. Nos buques e embarcacións de transporte de competencia autonómica, no interior dos camarotes, cando unicamente se atopen neles persoas que se aloxen no camarote.
 
7. No caso de exercicio de deporte individual ao aire libre, exclusivamente durante a realización da práctica deportiva e sempre que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, poida garantirse o mantemento da distancia de dous metros con outras persoas non conviventes.
 
8. No caso de actividade física e deportiva en instalacións e centros deportivos, sempre que se poida garantir o mantemento da distancia de seguridade interpersoal en todo momento, exclusivamente durante a realización das ditas actividades e tendo en conta o protocolo publicado para a instalación.
 
9. En supostos de forza maior ou situación de necesidade ou cando, pola propia natureza das actividades, o uso da máscara resulte incompatible, conforme as indicacións das autoridades sanitarias.
 
e) Recomendación.
Nos espazos privados, abertos ou pechados, de uso privado, recoméndase o uso de máscara, no caso de reunións ou de posible confluencia de persoas non conviventes, aínda que se poida garantir o mantemento da distancia de seguridade interpersoal.
 
 Acceso á norma completa no DOG Núm. 143 do sábado, 18 de xullo de 2020: https://bit.ly/2ZCGT5e.