Depo Aventura A Lanzada 2019

Oferta de 2.200 prazas nos campamentos de verán para menores da provincia de Pontevedra.

A Deputación provincial, co obxecto de promover e fomentar o desenvolvemento persoal e social das nenas e os nenos e favorecer a comunicación e o dinamismo multicultural, organiza o programa “Depo Aventura A Lanzada” 2019 e oferta 2.200 prazas nos campamentos de verán para menores da provincia de Pontevedra.

Este programa ofrece a posibilidade de que nenas e nenos gocen do seu tempo libre no verán participando en actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo, que contribúan ao seu enriquecemento persoal e lles faciliten coñecer outros lugares fóra do seu contorno habitual.

OBXECTIVOS

  1. Fomentar o contacto coa natureza
  2. Ensinar a desenvolverse nun medio non habitual
  3. Potenciar a motricidade e a maduración persoal
  4. Ensinar a ocupar o tempo libre dunha forma construtiva
  5. Desenvolver a sociabilidade entre as e os menores
  6. Inculcar hábitos hixiénicos, alimentarios e de exercicio físico
  7. Fomentar o respecto polo medio e a conservación da natureza
  8. Darlles a oportunidade de participar a menores pertencentes a familias con escasos recursos económicos

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na Sede Electrónica da Deputación de Pontevedra,  https://sede.depo.gal

O prazo de presentación das solicitudes será de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), é dicir, do 7 ao 28 de marzo de 2019.
Non obstante, no BOPPO núm. 243, de 19 de decembro de 2018, publicouse o calendario laboral do 2019 para a Comunidade Autónoma de Galicia, no que se inclúen as festas laborais de carácter xeral e as de carácter local.
O xoves 28 de marzo é festa de carácter local no concello de Vigo, polo que, de conformidade co establecido no artigo 30.6 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo para a presentación de solicitudes das persoas empadroadas en Vigo remata o venres 29 de marzo de 2019.

Para calquera aclaración ou dúbida poderá poñerse en contacto co Servizo de Cohesión Social e Xuventude a través do teléfono 986 804 100 ou do seguinte enderezo de correo electrónico: cohesionsocialexuventude@depo.es