Esta semana deu comezo o ‘Campamento de Verán 2020’ organizado polo Concello das Neves, destinado a nenas e nenos empadroados e con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos, que terá dúas quendas, en xullo e agosto.



Este ano, o campamento será moi diferente porque se desenvolverá en espazos naturais, achegando ás cativas e aos cativos ao seu territorio, permitíndolles descubrir todos os seus recursos e cumprindo con maior seguridade os protocolos recomendados por mor da COVID-19.



As actividades desenvolveranse ao aire libre e en grupos reducidos de 10 nenas e nenos a cargo de dúas persoas. Os espazos seleccionados, todos cheos de moitas potencialidades polos seus recursos naturais e patrimoniais, foron: a parroquia de Cerdeira, a área recreativa de Santa Mariña e a contorna dos montes da Coutada en Taboexa.



Os grupos asignados a cada un destes espazos irá rotando polos outros dous cada 13 días laborais, de maneira que todos os nenos e nenas poderán gozar das distintas actividades que se realizarán nos tres espazos e adaptadas ao medio no que se desenvolven. Cada espazo dispón dun lugar cuberto de referencia (as antigas escolas ou Centro Cultural, no caso de Taboexa), para utilizar cando o tempo non permita estar no exterior.



Co obxectivo de elaborar unha programación de actividades pensadas para que nenas e nenos descubran o medio e interactúe con el, optimizando os recursos que ofrece cada espazo, as monitoras e monitores recibiron formación sobre “Infancia e natureza” nun taller intensivo de tres días, que foi impartido por “Foresta- Espazo de aprendizaxe activo na natureza”.



Despois do confinamento vivido nestes meses, que fixo permanecer moito tempo aos cativos no interiordas casas, sen poder participar en actividades no exterior, é necesario, máis que nunca, ofrecerlles a oportunidade de realizar actividades físicas ao aire libre. Sempre coidando o cumprimento de todas as medidas de protección recomendadas polas autoridades sanitarias (lavado de mans, uso de máscaras, uso de xel e control da temperatura corporal).



Pilar González Casas, concelleira de Benestar, lembra que “permanecer ao aire libre, axuda a mitigar o illamentosocial e moitos dos seus inconvenientes. O acceso a espazos verdes é un importante activo de saúde e, máis alá dos aspectos estéticos e lúdicos, na natureza está parte da solución a moitos dos problemas sociais e sanitarios que foron xerados coa pandemia da COVID-19. Se ademais estes espazos verdes permiten achegar aos máis pequenos e pequenas ao noso patrimonio natural e cultural, cumpriremos un dobre obxectivo”.