Cunha pancarta xigante co lema ‘Open the border’ no medio da ‘Ponte da Amizade’ entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira. Así decidiron hoxe alcaldes e alcaldesas do territorio do Miño (de 26 concellos) chamar a atención sobre o dano económico que está a sufrir o territorio miñoto, tanto empresas como persoas traballadoras dunha e outra banda, polo peche da fronteira con Portugal.

Petición de axuda as autoridades galegas, estatais e europeas

O vicedirector do AECT Rio Miño Uxío Benítez destacou que se trata dun berro de axuda tanto ás autoridades galegas, estatais como europeas para abrir todos os pasos da fronteira, e tamén para que se inxecten axudas económicas que palien o dano feito na economía da zona pola decisión dos estados español e portugués. “O mal xa está feito ábranse agora os pasos ou dentro dun mes. Non nos fixeron caso nas nosas reivindicacións e agora queremos que nos teña en conta e se nos compense polas perdas”, afirmou o nacionalista.

De 200 a 300€ mensuais en combustible

Benítez puxo cifras e lembrou que as persoas traballadoras están a gastar unha media de 200 e 300 euros mensuais en combustible nos rodeos para pasar polo único paso aberto 24 horas (Tui-Valença). Tamén destacou que, segundo o estudo de impacto elaborado pola UVigo (presentado o pasaro venres), a hostalería da zona do Miño está a perder un 19% de facturación polo ‘efecto fronteira’ a maiores do que perdería pola pandemia calquera negocio noutra ubicación, igual que o comercio ten un 12% máis de perdas por estar na ribeira do Miño.

O mandatario destacou que nestes momentos está aberto o debate do cadro comunitario dos fondos transfronteirizos do POCTEP 2021-2027, polo que o que cómpre “ é compensar ao territorio polo perxuizo económico de decisións políticas dos Estados”

Máis de 6.000 traballadores

Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, censurou a negativa de poñer controis nos pasos entre ambos países para facer efectivo o control sanitario. Lembrou que iso obriga ás persoas traballadoras , máis de 6.000 que se moven na raia do Miño, a utilizar un punto que funciona como funil que é a ponte internacional de Tui-Valença. “Persoas con salarios que nesta zona non son moi altos ven incrementados os seus gastos e o tempo dedicado ao desprazamento, co que implica na conciliación”, dixo.

Tamén subliñou que resulta “lamentable” esta situación porque “este erro” xa se cometeu o ano pasado durante o anterior peche de fronteiras. “Estamos convencidos de que é unha cuestión efectista, porque a xente que ten que pasar segue a pasar igual. O que hai que facer é poñer controis nas cinco pontes internacionais, é moi fácil, insistiu, engadindo que neste caso o que fixeron é dividir un territorio. “É como se nos quitasen a metade do territorio, a metade dos clientes, a metade dos empresarios, a metade dos traballadoresAo pechalo, que se nos compense. Os fondos transfronteirizos teñen que compensar aos territorios de fronteira, non poden ser para todo. E iso tense que facer efectivo no próximo cadro comunitarios”, finalizou.

Rexistro de persoas afectadas polo peche da fronteira

Dende o AECT anunciouse a creación dun rexistro de persoas afectadas polo peche da fronteira que se xestionará a través do Agrupamento e de todos os concellos implicados nunha oficina conxunta co fin de proceder á tramitación de posibles indemnizacións. Así mesmo, presentarase unha moción tipo nos 26 concellos para ter o refrendo e reivindicar ante todas as institucións tanto a apertura inmediata dos pasos como as compensacións económicas polo peche.

Na protesta de hoxe participaron alcaldes e alcaldesas e outros representantes dos concellos dunha e outra banda do río: A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salceda de Caselas, Salvaterra, As Neves, Arbo, Caminha, Vila Nova de Cerveira, Valença, Paredes de Coura, Monçao e Melgaço.