O Concello realizará as obras de humanización da Travesía da Eira da Liñaza, unha inicitiva que contará cunha achega municipal de 65.000€. Para afrontar esta inversión, o Goberno local aprobou unha modificación de crédito con cargo ao remanente líquido de Tesourería.

Esta cantidade abrangue tamén os custes de redacción do proxecto, que se cofinanciará co Programa REACPON da Deputación de Pontevedra.

Nave almacén

Así mesmo, tamén destinaranse 60.000€ do remanente de Tesourería á adquisición de terreos para construción dunha nave para almacén, que se situará na circunvalación.

A mesma servirá principalmente como garaxe para os vehículos municipais, pero tamén se prevé o seu uso para gardar material de obra e sinalización e material para eventos, ademais de contar con zona para lavado de vehículos, lugar de de carga de auga para o camión de Bombeiros, unha área de taller para pequenas reparacións e mantementos en vehículos ou para soldadura, espazos para pequenas ferramentas, vestiarios, baños e un aparcadoiro exterior.