Conforme ao anunciado, e co fin de corresponder con transparencia ao esforzo solidario co pobo das Neves, cumprimos o compromiso de informar da actividade da Conta As Neves Zona Cero, destinada a recoller achegas de particulares e empresas para contribuír a enfrontar aos danos causados polos incendios de outubro de 2017.
 
O destino dos fondos, supervisados polo goberno municipal e os Servizos Sociais, priorizan a atención directa a persoas damnificadas e a cobertura de necesidades básicas, prestadas grazas ao labor desinteresado de voluntarios e voluntarias que
únicamente reciben, conforme ao estipulado legalmente, a compensación por gastos de combustible polo uso dos seus coches particulares, e de manutención cando a actividade o require.
 
Lamentando algunha crítica aillada e desafortunada, só cabe agradecer o esforzo destas persoas que veñen adicando moito tempo e traballo a facer efectiva a solidariedade recibida, nun servizo de interese para todos os veciños e veciñas das Neves. O Voluntariado fortalécenos como sociedade e debe ter o recoñecemento que merece.
 
En 2018, priorizarase tamén o investimento no traballo coa infancia e a mocidade das Neves para formar as novas xeracións na importancia dos bos usos e coidados do monte, facéndoos protagonistas de experiencias de repoboación con especies autóctonas e de boas prácticas de protección medioambiental.
 
Seguiremos dando contas exactas do gasto en todas estas actividades e axudas.
 
As Neves, 15 de xaneiro de 2018.