O Servizo Galego de Saúde (Sergas) indica que As Neves segue cun so caso rexistrado de COVID-19.

Este xoves levouse adiante unha nova reposición de mascarillas nos establecementos abertos ao público, tanto para protexer ás persoas que traballan neles, como para que as veciñas e veciños do concello que o precisen, poidan pedir mascarillas hixiénicas reutilizables.

Na recollida de mascarillas de hoxe, incorporáronse tamén as de tipo infantil, destinadas á poboación de menor idade, que a partir do domingo pode saír da casa.

Tamén se fixo a entrega do material do alumnado do CEIP coa colaboración do Centro e da ANPA. Este material será levado, aos seus domicilios, xunto cunha mascarilla de tipo infantil.

A colaboración do Concello co IES Pazo da Merced fixo posible a entrega de 10 ordenadores no domicilio de alumnado  que o propio centro decidiu deixar en préstamo para facilitar o seguimento do traballo académico.