Despois do acendido do alumeado de Nadal, o pasado sábado 30 de novembro; o Concello das Neves publica unha longa e variada programación de lecer que comeza o martes 10 de decembro e remata o martes 7 de xaneiro.

 O martes 10 de decembro ás 12:30 h no Auditorio Municipal, haberá unha sesión de Contacontos da man de Raquel Queizás, Un caso Azul Para os nenos e nenas de primaria do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé. Un espectáculo de contos creado por Raquel Queizás en colaboración coa Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes de Galicia (Anedia), co obxectivo de integrar a diabetes nas escolas.

 O domingo 15 de decembro, nova sesión de Outono de Teatro: Fillos do Sol. Con César Cambeiro como actor principal e dirixida por Cándido Pazó. Contraproducións.
“Elucubración teatral sobre a figura de Eduardo Pondal e a súa obsesión coa obra que ocupou toda a súa vida como escritor: Os Eoas.”
Ás 18:30 h no Auditorio Municipal. Entrada de balde.

 Venres 20 de decembro, proxección do documental Aillados, de Antonio Caeiro.
O documental conta a historia do campo de concentración da Illa de San Simón durante os anos da Guerra Civil española, contada polos seus protagonistas.
Asistirá o director, que ofrecerá unha charla-coloquio ao remate da proxección.
Dirixido ao alumnado do IES Pazo da Mercé. Ás 12:10 h no Auditorio Municipal.

 

 O domingo 22 de decembro a Banda de Música Popular de Rubiós ofrecerá o seu concerto de Nadal. Será ás 19:30 h no Auditorio Municipal. Haberá chocolate quente de balde ao remate.

 

 O luns 23 de decembro inicia o Campamento de Nadal organizado pola ANPA Eira da Liñaza. Dirixido aos nenos e nenas de 3 a 13 anos, consta de multitude de actividades, na súa maioría con temática de Nadal. O campamento dura ata o martes día 7 de xaneiro e ten un custo total de 49€ (39 € para familias socias da ANPA). Horario de 9:00 a 14:00 h con flexibilidade na entrada e na saída. Límite de 30 prazas por orde de inscrición, que se pode realizar a través de anpasneves@gmail.com

 Martes 24 de decembro celebrarase a 7ª Carreira Popular Solidaria do Pavo.
Organizada pola ACD Sanomedio, para participar é preciso aportar 1 Kg de alimentos non perecedoiros. Avituallamento gratuíto e servizo de duchas. Premios para as persoas gañadoras.
Recollida de dorsais na Praza Maior de 15:00 a 16:00 h. Toda a información e inscrición gratuíta en https://www.facebook.com/acdsanomedio.asneves/

 O xoves 26 de decembro O Apalpador visita As Neves. Ás 12:00 h na Praza do Concello (No Mercado Municipal en caso de choiva). Actividade pensada para as crianzas.
Figura mítica dun xigante carboeiro, ligado á tradición do Nadal do que existen testemuñas nas comarcas de Sarria, Quiroga, Lemos, Terra de Trives e os Ancares. O Apalpador baixa a noite do 24 ou 31 de decembro segundo a zona, para visitar os nenos e nenas, tocándolles no ventre para ver se comeron abondo durante o ano. Déixalles unha presada de castañas, eventualmente algún regalo e deséxalles que teñan un ano novo cheo de felicidade e fartura.

 O venres 27 e o sábado 28 terá lugar na Casa da Xuventude un novo Mercadiño da Man que ti Queiras, edición de Nadal. De 11:00 a 21:00 h.
Un dos principais obxectivos do mercadiño é o fomento do consumo sostíbel, e a economía circular; e consta de diversas actividades así como palestras, proxeccións, Jam session, exposicións…
O que une o espazo é unha sala con diversos xogos (futbolín, billar, xogos de mesa), e un mercadiño no que calquera persoa pode participar enviando un correo electrónico a damanquetiqueiras@gmail.com e aportando as súas prendas, mobles, libros, discos, etc. (en boas condicións).
A participación nas exposicións é aberta, sendo preciso enviar un correo electrónico con fotografías das obras, medidas e material.
Tamén existe a opción de participar cun posto artesanal escribindo previamente.

O domingo 29 de decembro temos dúas actividades:
 Andaina ambiental. Especies autóctonas e alóctonas.
Con saída ás 10:00 h dende a Praza do Concello. Percorrido circular duns 8 km aproximadamente, visitando varias parroquias do municipio pasando polo Camiño dos Pescadores. Duración aproximada de 3 horas.
É preciso inscribirse enviando un correo electrónico a turismo@asneves.gal cos datos persoais (nome, apelidos, DNI e teléfono de contacto).
 Pechamos o ciclo de Outono de Teatro coa obra adiada do día 1. Ás 18:30 h no Auditorio Municipal. A obra titulada A compañeira de piso, será interpretada por Patricia Vázquez e Rebeca Montero.
“Combinando sutileza e comicidade a partes iguais, A compañeira de piso trata os temas da idade, a muller e a identidade dun xeito fresco e divertido.”

 O sábado 4 de xaneiro a Coral Polifónica Santa María das Neves ofrecerá o concerto de Ano Novo acompañada pola Coral de Barro.
Ás 18:30 h no Auditorio Municipal. Haberá chocolate quente de balde ao remate.

 O domingo 5 de xaneiro haberá a Cabalgata de Reis.
O desfile sairá ás 17:30 h da rotonda do antigo Montesol e percorrerá o centro urbano para rematar no Pavillón Municipal. Alí farase a tradicional entrega de agasallos e haberá inchables e xogos para a cativada.
Búscanse persoas para participar no desfile acompañando os Reis Magos, para facelo só é preciso enviar un correo electrónico a cultura@asneves.gal