O alcalde das Neves explica na Unión Europea as consecuencias dos incendios de 2017 e a urxencia dunha política de prevención
O alcalde das Neves, Xosé M. Rodríguez Méndez, mantivo, como membro dunha delegación galega, encabezada pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, un encontro con Andrew Bianco, Xefe de Gabinete do Comisario de Medio Ambiente, e Yvon Slingenberg, Directora de Coordinación Política da Dirección Xeral de Cambio Climático, así como con funcionarios das Dirección Xerais de Medio Ambiente, co obxectivo de abordar os problemas do modelo forestal galego, e “en concreto da eucaliptización e o seu impacto nos incendios”.
Primeira vez que un alcalde de As Neves acude á UE
Rodríguez, primeiro alcalde das Neves que é recibido oficialmente na Unión Europea, valorou positivamente o encontro na Comisión. “Trátase dun feito salientable, non porque te reciban senón porque hai unha escoita activa e hai gañas de que ocorran cousas arredor dun diagnóstico como o que plantexamos”, comentou, ao tempo que incidiu na necesidade de “volcar completamente a política forestal, facendo que sexa un espazo útil, cunha mirada sensible e construtiva hacia o territorio”.
Na xuntanza, Xosé Manuel Rodríguez explicou as consecuencias vividas no Concello das Neves tras os incendios de 2017, que provocaron a falta de auga durante máis de dous meses en boa parte da localidade, así como a acumulación de cinzas. Criticou, asemade, a actitude da Xunta de Galicia, centrada na culpabilización dos supostos incendiarios e na súa política focalizada na extinción en lugar da prevención.