O Banco de Alimentos do Concello de As Neves atende na actualidade a 53 menores da vila e a 77 persoas que viven soas ou son dependentes, todas elas nunha situación de necesidade que viuse agravada pola crise do coronavirus.

Ata a chegada da pandemia, o Banco de Alimentos asistía a un total de 55 familias a través de dous programas: un convenio coa Cruz Vermella (51 persoas) e outro con Amigos de Galicia (16 familias), destinado a aquelas con menores ao seu cargo, dentro do Plan Integral contra a exclusión social e pola integración laboral.

“Logo da declaración do ‘Estado de Alarma’a situación mudou considerablemente, xa que deixou de funcionar o comedor escolar, moita xente quedou sen traballo e afloraron novas situación de emerxencia”, sinala a concelleira de Ensino e Servizos Sociais, Pilar González Casas.

Dende o Concello “tentamos dar prioridade a este servizo e atender a todas as peticións de alimentos cun simple trámite telefónico, ao entender que era un obxectivo prioritario neste momento garantir que todas as familias tiveran unha alimentación axeitada”.


Colaboración de todos os colectivos das Neves

Ante o aumento das necesidades a afrontar, o Goberno municipal pediu e obtivo a colaboración, “absoluta e constante” das veciñas e veciños que achegaron ao Banco de Alimentos artigos de todo tipo,entre eles máis de 150 ducias de ovos, carne, froita e produtos de horta, coma repolo, leitugas, cenorias, tomates, cebolas, pementos ou patacas.

Ao mesmo tempo o Concello aumentou o gasto para a compra de alimentos non perecedoiros nos supermercados das Neves, que “se sumaron facendo chegar pedidos a varias casas ou doando produtos para o banco”, unha acción que tamén contou coa solidariedade da Dirección do CEIP Marquesa do Pazo da Merced, quen doou os alimentos que había no comedor escolar.

Empregados municipais, persoal da Concellería de Servizos Sociais e unha taxista da vila, completaron este traballo solidario encargándose de recoller os alimentos no polígono industrial de Vilagarcía e ao de Barro-Meis-acadados a través da FEAD (Fondo Europeo de Axuda a Persoas Desfavorecidas), coa mediación da Cruz Vermella- e da súa posterior distribución aos domicilios. Mentres, o Concello reforzou o servizo con máis persoal para poder realizar a preparación e etiquetaxe dos paquetes de alimentos.



Situación complexa

Pilar González advirte de que “a partir deste momento preséntase unha situación complexa: comedores escolares pechados, falla de traballo e, polo tanto, de ingresos, o que fará que dende o Concello teñamos que seguir incrementando o orzamento deste apartado” que, subliña “o Goberno municipal considera imprescindible para o benestar social e familiar das veciñas e veciños de As Neves”.