As xogadoras e xogadores do Club Bádminton As Neves están entre os favoritos para facerse coas medallas no Campionato de España sub-15, que se disputa dende este venres, día 26, no Complexo Álvaro Pino, de Ponteareas.
“Nós participamos con 5 deportistas na categoría individual e con dúas parellas de dobres e agardamos que consigan unha boa clasificación, porque levar medalla na casa sempre é un orgullo”, salienta Pablo Méndez, presidente do club.
Durante o venres, sábado e domingo, 26, 27 e 28 de novembro, 140 deportistas serán os protagonistas dos partidos que sinalarán os campións deste torneo.
Dende o venres, ás 11:00h.
A competición comezará o venres 26 coas primeiras rondas do campionato entre as 11.00 e as 20.00 horas, dezaseisavos de final para as e os competidores individuais masculino e feminino e oitavos de final para dobres.
Os partidos continuarán o sábado 27 de 11.00 a 20.00 horas distribuídos en 4 pistas e o domingo celebraranse as finais en horario de mañá. A entrega de premios contará coa participación do presidente da Federación Española de Bádminton, Andoni Azurmendi, e do presidente da Federación Galega.
Por streaming
Debido á situación sanitaria o campionato non estará aberto ao público en xeral, pero poderá seguirse en streaming a través da canle de Youtube da Federación Española de Bádminton.