A Concelleira de Benestar, Pilar González Casas, visitou o Centro de Saúde das Neves para mostrar o agradecemento do Concello pola súa colaboración ao longo destes meses. “Foi un exemplo de boa comunicación e coordinación por ambas partes, que permitiu atender en tempo real as necesidades do centro e coñecer a situación da pandemia no noso territorio en todo momento”, sinalou a concelleira.

Consultas médicas

Na mesma visita, González Casas tamén solicitou información sobre o desenvolvemento actual das consultas médicas. Seguindo as indicacións do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), o primeiro contacto é sempre telefónico e se a atención pode resolverse por ese medio, realízase así. Só naqueles casos nos que non se pode realizar a consulta telefonicamente, a persoa é  citada para pasar polo Centro.

A concelleira constatou que o sistema mudou e que xa non é posible chegar ao Centro de saúde e recibir atención de xeito inmediato, agás nos casos de urxencia. Ademais, actualmente o aforo está limitado a 8 persoas.