O Servizo Galego de Saúde (Sergas) contará despois de Semana Santa con espazo para ampliar o Centro de Saúde de As Neves, unha vez que os cativos e cativas da actual Escola Infantil da Galiña Azul se vaian para a nova gardería, situada a carón do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, que estará rematadas nesas datas.
Así o comprobou o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña, quen este xoves desprazouse ata As Neves para comprobar o estado do centro de saúde e manter unha xuntanza, que fora solicitada polo alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, e pola concelleira de Benestar, Pilar González Casas.
O alcalde inspeccionou co xerente o estado do centro de saúde, no que o Concello realizou unha serie de obras, e melloras, coma a pintura das instalacións, tratamento de humidades, colocación de azulexos, substitución de marcos e a apertura dunha porta para comunicar a consulta de Pediatría e a de Enfermería, “que era unha solicitude que fixeran os responsábeis e profesionais do centro hai máis de 8 anos”.
Os representantes locais, que agradeceron a visita do xerente e cualificaron a entrevista con Julio Comesaña de “moi fluída, cordial e proveitosa”, expuxéronlle a intención de que o espazo que deixa libre a escola infantil, se destine a aumentar a superficie da zona de Pediatría e comprometéronse a remitirlle, por escrito, un adianto do proxecto a desenrolar, inmediatamente despois do traslado da gardería ao seu novo destino.
Na mesma reunión, o alcalde e a concelleira aludiron aos problemas que ten o centro de saúde no que se refire á substitución das baixas dos médicos de Atención Primaria-que o pasado mes de xullo causara ata 20 días de espera para consulta- e no servizo de Pediatría, que “se repiten dende hai varios anos” e que o xerente da Área Sanitaria asegurou que tentaría solucionar á maior brevidade, considerando as dificultades que, como explicou, hai na actualidade para atopar médicos.