O Concello das Neves está adherido dende 2018 o Convenio de Colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos (Seaga), en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

A Comisión de Seguimento do Convenio, mantivo unha xuntanza nas Neves hai unhas semanas na que seleccionou como priorizadas polo Concello as parroquias de Tortoreos, Liñares e As Neves.



Os titulares de parcelas afectadas por faixas secundarias destas parroquias, poden asinar a adhesión ao contrato de xestión da biomasa. Este contrato ofrece a posibilidade de contratar a xestión da biomasa vexetal, a través da empresa pública Seaga, por unha tarifa anual de 350 € por hectárea, asumindo todas as obrigas que corresponden ás persoas responsables segundo a Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Reunións informativas

Dende o Concello, convocarase a reunións informativas a todas as persoas propietarias das parcelas incluídas no convenio, para resolver todas as posibles dúbidas e declarar, se o desexan, a súa intención de subscribir o contrato de xestión da biomasa proposto.

As mesmas terán lugar o luns, 3 de agosto ás 20:30h. na Escola de Liñares; o martes 4 de agosto, ás 20:30h. na Escola da Chan en Tortoreos e o xoves 6 de agosto, tamén ás 20:30h., no Auditorio Municipal das Neves.

Nesta fase, só se incluíron estas tres parroquias por ser as que cumprían os requirimentos da convocatoria en canto a afectación polos últimos incendios e a peonalización. Está previsto ir aumentando este acordo ao longo de todo o territorio municipal.

Dende o Concello sinálase que as parcelas que se atopen dentro das faixas secundarias cuxos propietarios non sexan localizados ou non limpen as mesma, serán desbrozadas por Seaga e, posteriormente, cobrado o servizo aos propietarios.