O Goberno Local, vai custear os gastos derivados das limpezas e desinfeccións necesarias para cumprir coas necesidades de seguridade actuais. O embolso, por un total de 3.970 € mensuais de gasto adicional ao que xa se vén facendo, inclúe actuacións no colexio, nas escolas unitarias, no Pavillón Municipal, e no Centro de Día.
Faranse 25 horas semanais adicionais de limpeza de reforzo con produtos desinfectantes, no CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, e nas Escolas de Educación Infantil de Taboexa e Rubiós. Ademais, quincenalmente levarase a cabo un tratamento desinfección e posterior limpeza á nebulización nestes centros de ensino e no Pavillón Municipal.
Igualmente, tamén se actuará no Centro de Día, onde se realizará un tratamento desinfección e posterior limpeza á nebulización cada quince días.
Pilar González Casas, Concelleira de Ensino e Servizos Sociais, lembra o firme compromiso do goberno en materias clave como Ensino e Sanidade, e que, “a pesar de ser competencias da Xunta de Galicia, non se recibiu ata o momento ningún tipo de apoio económico ou de persoal para poñer en marcha os traballos de limpeza e desinfección necesarios actualmente”.